Pontevedra gaña o premio de Seguridade Viaria Urbana da Comisión Europea

Pontevedra
18 de maio 2020

Pontevedra suma un novo premio internacional ao seu modelo urbano. Nesta ocasión chega da man da Unión Europea. A cidade foi elixida como a gañadora do primeiro Urban Road Safety Award, un premio de seguridade viaria urbana, convocado pola Comisión Europea para premiar boas prácticas en materia de mobilidade sostible

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra suma un novo premio internacional ao seu modelo urbano. Nesta ocasión chega da man da Unión Europea. A cidade foi elixida como a gañadora do primeiro Urban Road Safety Award, un premio de seguridade viaria urbana, convocado pola Comisión Europea para premiar boas prácticas en materia de mobilidade sostible.

A Boa Vila era unha das tres cidades finalistas que optaban a este premio, xunto a Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía).

O palmarés destes premios, que se entregaron con motivo da Semana Europea de Movilidad, complétase coas localidades de Kruševac (Serbia) e Karditsa (Grecia), que recibirán o Premio Semana Europea da Mobilidade 2019 para municipios grandes e pequenos, respectivamente.

Ademais, a rexión de Bruxelas foi elixida como a gañadora do oitavo Premio á Planificación da Mobilidade Urbana Sostible.

A comisionada de Transporte, Adina Vălean, destacou que as accións impulsadas por estas catro cidades son "exemplos poderosos" que ilustran o papel que os líderes locais desempeñan "para que as nosas cidades sexan máis limpas, seguras e sostibles".

"Espero que isto sirva de inspiración para os pobos e cidades que están a reconsiderar as súas estratexias de mobilidade, especialmente por mor da pandemia actual", engadiu. 

No caso de Pontevedra, a Comisión Europea destaca que a cidade logrou reducir as mortes na estrada de maneira "consistente" desde 1999, alcanzando a "impresionante cifra" de cero falecidos desde fai nove anos.

As medidas implantadas na cidade pontevedresa, engade o xurado, aseguran que a seguridade e a sustentabilidade "vaian da man" a través dunha estratexia de vixilancia "clara e coidadosa" para identificar as políticas máis efectivas en materia de mobilidade activa.

O xurado asegura quedar "impresionado", entre outras medidas, cos límites de velocidade que oscilan entre os 10 e os 30 quilómetros por hora, con que o 80% dos nenos vaian sós á escola ou coa creación de espazos públicos "atractivos" para os cidadáns.

A este respecto, o alcalde de Pontevedra sinalou que é un "orgullo" que a cidade siga sendo unha referencia en mobilidade sostible e recuperación de espazos públicos para os cidadáns, especialmente nestes momentos.

Entende Miguel Anxo Fernández Lores que moitas cidades "están facendo a correr" medidas para peonalizar áreas urbanas para que os seus habitantes poidan cumprir as recomendacións sanitarias, algo que en Pontevedra se impulsa desde hai dúas décadas.

Fernández Lores agradeceu o comportamento de todos os pontevedreses porque "todas as decisións que tomamos serven para que os espazos urbanos sexan seguros", logrando que Pontevedra sexa "unha cidade atractiva para vivir".