'Pontevedra Flúe' aterra en Turín para propagar o seu modelo na Comisión Europea

Pontevedra
16 de marzo 2023

Pontevedra foi a única cidade española seleccionada para formar parte dunha alianza comunitaria estratéxica deseñada pola Comisión Europea

Sesión da rede comunitaria Greening Cities de Turín coa presenza de Iván Puentes
Sesión da rede comunitaria Greening Cities de Turín coa presenza de Iván Puentes / Concello de Pontevedra

Pontevedra foi a única cidade española seleccionada para formar parte dunha alianza comunitaria estratéxica deseñada pola Comisión Europea. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, trasladouse a Turín para compartir o modelo de Pontevedra Flúe (Pontevedra Flow) e incidir no seu papel como "unha estratexia non só local, senón tamén europea".

Iván Puentes afirmaba que Pontevedra Flúe é unha estratexia pensada, redactada e orzada, con 20 proxectos para poder desenvolver nos vindeiros anos. Ademais, o concelleiro sinalaba que todas as administracións, desde o Concello de Pontevedra ata o Goberno de España, están a traballar xuntas para facer realidade eses proxectos.

Doutra banda, Puentes participou no encontro do Partnership Greening Cities, no que aproveitou a ocasión para expoñer o liderado de Pontevedra no proxecto Green Gap, que pretende impulsar diversas accións de desenvolvemento e restauración do medio natural nas zonas urbanas e rurais de Galicia e o norte de Portugal, apuntan desde o PSOE local.

Ademáis, o socialista tamén puxo en valor a adxudicación dunha axuda procedente dos fondos europeos Next Generation para un paquete de proxectos presentado pola concellería de Desenvolvemento Sostible. Entre eses proxectos, o edil destacaba o de destapar o paso do río Gafos por Campolongo para convertelo nun parque fluvial.

Outras das accións recollidas son a mellora paisaxística e ecolóxica da contorna do parque de Rosalía de Castro e a Avenida de Compostela, ou a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba.

Este xoves 16 de marzo, Puentes asistirá á primeira xornada do Cities Forum 2023 celebrado en Torino. Alí, o concelleiro estará en diversas mesas como a denominada "Greening cities na UE: enfoques estratéxicos para abordar o clima e os retos ambientais".