A cidade de Pontevedra opta a un novo recoñecemento internacional polo seu deseño urbano. É unha das tres finalistas ao primeiro premio que, no marco da semana europea de mobilidade sostible, convocou a Comisión Europea para aplaudir modelos de éxito en todo o vello continente en materia de seguridade viaria urbana.
Ao premio, que se entregará en Bruxelas o próximo día 30 de marzo, tamén son finalistas as cidades de Ordu (Turquía) e Jaworzno (Polonia). Para chegar ata aquí, as tres impuxéronse a outras 26 cidades de toda Europa, dez delas españolas.
"Para nós xa é un orgullo ser finalista", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que mostrou a súa "confianza" nas posibilidades da Boa Vila para traerse este novo premio para casa.
Pontevedra, segundo recolle a comunicación recibida polo goberno municipal, foi elixida finalista a este premio pola redución "efectiva e sostida" no número de mortos e feridos graves en accidentes de tráfico e pola súa aposta por unha "mobilidade activa" na que se priman os desprazamentos a pé ou en bicicleta.
Fernández Lores, que destacou que o modelo de Pontevedra é "integral" e inclúe a eliminación de tráficos "innecesarios", a recuperación dos espazos públicos para os cidadáns ou medidas para reducir a velocidade e acougar o tráfico, quixo destacar que sen a colaboración dos cidadáns "sería imposible" conseguir este recoñecemento.
A Comisión Europea, lembrou o alcalde pontevedrés, creou este premio ante a "preocupación" que existe na comunidade internacional sobre seguridade viaria e á vista de que en moitas das grandes cidades a accidentalidade "non descende" ou é "moi alta".
No caso de Pontevedra, tras partir dunha situación "complexa" en 1999 con máis de 100.000 vehículos "entrando ou saíndo" da cidade, apuntou Lores, logrouse que a sinistralidade viaria sexa anecdótica con cero mortos no últimos nove anos -fronte aos 25 do período entre 1994 e 1999- e tan só 14 feridos graves -69 en 1999-.