Pontevedra "ficha" un insecto italiano para rematar coa praga do castiñeiro

Pontevedra
08 de outubro 2014

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro obtivo as autorizacións para testar o tratamento en laboratorio, paso previo á súa aplicación nas parcelas

Torymus Sinenses
Torymus Sinenses / PontevedraViva

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, convértese novamente no centro de referencia para a loita contra unha praga forestal que está a afectar a Galicia. Trátase, neste caso, da avespiña do castiñeiro (dryocosmus kuriphilus), detectada por primeira vez nesta Comunidade Autónoma a comezos do pasado verán.

Na actualidade, a avespiña do castiñeiro tense detectado xa nas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña. En Pontevedra non se comunicaron aínda casos deste mal, pero non se descarta que poida actuar nesta provincia, onde a presenza de castaños está dispersa por todos os concellos, sendo as zonas de maior concentración as terras do Deza e as áreas limítrofes coa provincia de Ourense.

Areeiro acaba de obter os permisos necesarios para importar de Italia o antedito parásito

Desde o momento da súa detección, os técnicos de Areeiro, en colaboración coa Xunta de Galicia, comezaron a traballar na análise e seguimento da praga pero tamén, e sobre todo, nos métodos que permitan freala, que pasan pola introdución do Torymus Sinenses, un insecto himenóptero capaz de controlar á avespiña do castiñeiro, tal e como se comprobou noutros puntos de Europa como en Italia onde este mal leva xa varios anos actuando.

Con este obxectivo, Areeiro acaba de obter os permisos necesarios para importar de Italia o antedito parasito e comezar os ensaios en laboratorio, paso previo á súa aplicación nas parcelas afectadas.