O 11 de febreiro é o Día da Muller e a nena na ciencia. No ano 2018 o Concello de Pontevedra iniciou un proxecto para dar a coñecer o que significa a ciencia vinculada ás mulleres dende unha perspectiva orientada á xente moza.
Este 11 de febreiro, ás doce do mediodía, haberá un Encontro de Divulgadoras Científicas no Pazo da Cultura. Nel, catro científicas reflexionarán e intercambiarán de experiencias ao redor da divulgación da ciencia: as novas canles de comunicación (YouTube, twitch, plataformas streamming...), o achegamento á xente nova, a fenda de xénero na ciencia e tamén no eido da divulgación, a promoción das vocacións científicas, etc. Elas son: Carmela Cela, Paula Otero, Alba Aguión e Andrea Muras
CARMELA CELA RODRÍGUEZ- ECOS DE XIGANTES
É graduada en Bioquímica pola Universidade Complutense de Madrid e traballa como investigadora predoutoral no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC. Alterna os seus quefaceres no laboratorio con varios proxectos que lle permiten facer o que máis lle gusta: divulgar sobre ciencia. Ten unha canle de YouTube sobre bioquímica (Ciencia con Carmen), na que fala de curiosidades xunto con dúas amigas da carreira e tamén copresenta un programa de divulgación científica en galego en Twitch (Ecos de Xigantes).
PAULA OTERO SÁNCHEZ- CIENCIA E TAL
É graduada en Ciencias Biomédicas e actualmente traballa coma investigadora predoutoral no grupo Genomes and Disease do CiMUS, Universidade de Santiago de Compostela (USC). Neste momento desfruta dun contrato de Formación de Profesorado Universitario (FPU) para realizar un proxecto de investigación baseado en analizar os mecanismos que empregan os virus para causar cancro en humanos. Ademáis, Paula participa en dous proxectos de divulgación científica: 'Ciencia e tal' unha iniciativa na plataforma Twitch que realiza xunto co seu compañeiro Iván Varela; e 'CiMUS Podcast', un programa de entrevistas a investigadores do centro no que, cando é posible, tamén colaboran asociacións de pacientes.
ALBA AGUIÓN TARRÍO. DIVULGADORA CIENTÍFICA E MONOLOGUISTA
É graduada en Bioloxía con dobre especialidade en Zooloxía e Bioloxía Mariña pola USC. É investigadora no Future Oceans Lab da Universidade de Vigo. Forma parte da iniciativa Homeward Bound, que pretende construír unha rede global de mulleres dedicada a fortalecer o liderado feminino na loita contra o cambio climático e polo futuro do planeta. O global non lle fai perder de vista o local, a proba a súa investigación sobre os efectos do cambio climático sobre a pesca do percebe en Galicia. A súa paixón pola divulgación científica elevouna, entre outros éxitos, a ser gañadora do concurso de monólogos científicos Famelab España 2016 e a quedar segunda no International Famelab 2016. Ademais no 2017 gañou o concurso de vídeos de ciencia da Fundación Aquae 2017 e Somos Científicos 2017.
ANDREA MURAS MORA -CIENCIA MIÚDA
É unha doutora en microbioloxía que trata de convencer á xente de que as bacterias molan. Ten un máster en biotecnoloxía e outro en cultura científica. Como investigadora participou en 18 publicacións científicas e tivo a oportunidade de pasar varios meses traballando en centros de investigación de Amsterdam e Israel. Hoxe en día está contratada como investigadora pos-doutoral na Universidade Pública de Navarra onde estuda o comportamento das bacterias para tratar de previr infeccións. En 2018, creou o seu proxecto de divulgación científica Ciencia miúda co que conta curiosidades a través das redes sociais. Ademais, Andrea tamén dá charlas e cursos de divulgación científica.
Os centros educativos e particulares interesados en acudir poden facelo poñéndose en contacto con [email protected].
Neste acto entregaranse os premios do concurso de relatos curtos "A muller e a nena na ciencia ", dirixido a alumnado de Secundaria (ESO e FP Básica).
ROTEIRO A MULLER GALEGA NA CIENCIA
Por outra banda, os sábados 12, 19 e 26 de febreiro e 5 de marzo, organizarase o roteiro "A muller galega na ciencia: a pegada das mulleres científicas" que está dirixido ao público xeral. É unha actividade de balde pero con reserva a través do apartado "apúntate" da web do Concello.
O percorrido porá en valor e visibilizará a media ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas a cidade de Pontevedra e reivindicará o papel da muller galega na ciencia, con múltiples exemplos/referentes pasados e presentes como Alicia Estévez Toranzo, Isabel Aguirre de Úrcola, Inmaculada Paz Andrade, Alicia Crespí González, Elisa Patiño Meléndez ou Concepción Arenal Ponte. Mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan so por homes ata que elas chegaron.