Pontevedra "fará todo o necesario" ante a autorización do parque eólico dos Cotos

Pontevedra
04 de xullo 2023

María Xosé Abilleira, concelleira responsable de Xestión Ambiental e Territorial, afirma que o Concello de Pontevedra xa emitiu tres informes contrarios a esta instalación que afecta os municipios de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Pontevedra. Critica a Xunta de Galicia por querer utilizar a "contorna de Pontevedra como mina enerxética sen ter en conta as consecuencias"

Aeroxenerador eólico
Aeroxenerador eólico / NRCS Pacific Islands Area

Despois de que o Diario Oficial de Galicia publicase a decisión da Xunta de autorizar a construción do polígono eólico dos Cotos, que promove a compañía Tiraventos, o Concello de Pontevedra reaccionou.

Este parque inflúe nunha zona que afecta tanto a Cerdedo-Cotobade como a Ponte Caldelas e Pontevedra. Por este motivo, o goberno local da capital, a través da concelleira María Xosé Abilleira, responsable de Xestión Ambiental e Territorial, manifestou o seu malestar pola decisión.

Abilleira lembra que o Concello de Pontevedra emitiu tres informes negativos sobre a instalación dese parque de enerxía eólica, procedentes da oficina de Medio Ambiente natural; de Arqueoloxía; e da oficina técnica de Arquitectura e planeamento.

Sinala que esta decisión supón unha depredación do monte galego e acusa a Xunta de Galicia de manter unha política que ampara ás empresas eléctricas sen ter en conta os intereses naturais, patrimoniais e sociais, ademais dos efectos sobre a saúde das persoas. 

"Queren seguir utilizando Galicia e a contorna de Pontevedra como mina enerxética sen ter en conta as consecuencias", sinala a concelleira fronte á decisión do goberno de Alfonso Rueda.

Ante esta situación, a responsable de infraestruturas, dotacións e servizos municipais no rural anuncia que o Concello de Pontevedra "fará todo o necesario para defender os intereses da veciñanza", fronte a esta instalación que proxecta a construción de seis aeroxeradores de 125 metros de altura cada un.