Esta vez non houbo pancarta no balcón da Casa Consistorial, pero representantes do Concello e dos colectivos sociais que defenden os dereitos das persoas con problemas de audición aproveitaron a conmemoración Día Nacional da Lingua de Signos para unir as súas mans e expresar o seu apoio á lingua de signos e, particularmente, á lingua galega de signos.
Os socialistas Marcos Rey, Yoya Blanco e Iván Puentes, acompañados de membros das asociacións de persoas xordas Xoga e Apxp participaron nun acto que tivo lugar na Praza de España e no que, como sinalou a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, "este é un día moi importante para darlle visibilidade a lingua de signos, pero tamén porque nós reivindicamos que se aprobe como lingua cooficial a lingua de signos galega".
Unha reclamación que, como sinalou Monterde, "é cuestión de vontade política, polo que agardamos que todos os partidos estean polo labor. Ata a data tanto a Deputación Provincial como diversos concellos apostaron tanto pola lingua de signos española como pola galega. O proceso comezou hai dez ou quince anos e materializouse hai tres co acordo coa Deputación. Precisamos máis apoios institucionais, sobre todo do Parlamento Galego, e máis respaldo económico para poder seguir adiante".
Xoga conta no Concello de Pontevedra con 164 socios e atende a máis de 1.000 familias en toda a provincia. María Jesús Monterde salientou a boa sintonía existente coa Concellería de Benestar Social, que puxo en marcha o pioneiro programa Comunico e apostou pola celebración de cursos de formación gratuítos.
Neste sentido, o responsable do departamento municipal, Marcos Rey, asegurou que a concellería "está xa traballando nos cursos que sairán tras o verán" e que serán gratuítos.