Pontevedra exporá o seu "modelo verde e azul" en Turín

Pontevedra
01 de marzo 2023

O "modelo verde e azul" que o Concello impulsa a través da estratexia Pontevedra Flúe chegará a Turín. Ata a cidade italiana viaxará o edil Iván Puentes para participar na primeira xuntanza física da alianza europea pola renaturalización das cidades na que está a Boa Vila

Presentación da exposición sobre a estratexia Pontevedra Flúe
Presentación da exposición sobre a estratexia Pontevedra Flúe / Mónica Patxot

O "modelo verde e azul" que o Concello impulsa a través da estratexia Pontevedra Flúe chegará a Turín. Ata a cidade italiana viaxará o edil Iván Puentes para participar na primeira xuntanza física da alianza europea pola renaturalización das cidades na que está a Boa Vila.

Xunto a Pontevedra forman parte desta estratexia común outras sete urbes europeas, Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque; e catorce entidades rexionais.

O encontro, no que o responsable municipal de Desenvolvemento Sostible presentará os traballos que se están a realizar en Pontevedra, será o próximo 15 de marzo no marco da quinta edición do Cities Forum organizado pola Comisión Europea.

A elección de Pontevedra como membro desta alianza europea, segundo o concelleiro socialista, situou á cidade dentro do circuíto europeo "que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul da Unión Europa".

"Para que nos fagamos unha idea da importancia, significa que a nosa cidade xogará un papel esencial coas súas políticas verdes e o seu modelo urbano no deseño da axenda urbana da UE", subliña Puentes, que recorda que Pontevedra é a única cidade española nesta alianza.

Pontevedra, coa presenza neste foro, "sitúase de novo como referente a nivel internacional", engade o concelleiro, neste caso das políticas orientadas á renaturalizar espazos naturais e contornos fluviais, recuperar espazos degradados e crear unha cidade "resiliente e capaz de loitar contra o cambio climático".