O modelo urbano de Pontevedra e a súa contribución á loita contra o cambio climático chegou este luns ata Dublín. Os concelleiros de Promoción da Cidade e Obras, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, desprazáronse ata a capital da República de Irlanda para participar nunha xornada organizada pola Oficina do Parlamento Europeo nesa cidade.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, a eurodiputada Lynn Boylan foi a encargada de presentar a Pontevedra, que compartiu palestra co responsable de transporte público de París.
Gulías e Gómez expuxeron os logros de Pontevedra na mellora da calidade de vida dos veciños, unha exposición que suscitou moitas preguntas entre os presentes.
A xornada á que foi convidada Pontevedra estaba centrada en abordar como Dublín debe afrontar o cambio climático, e pediuse a participación dos representantes pontevedreses para que ofrecesen a súa visión dende a redución do uso de vehículos. O obxectivo era expandir este modelo ao resto de cidades irlandesas.