O modelo urbano de Pontevedra estreouse con éxito en Dubái. A presentación do proxecto integral polo que a cidade recibiu o premio ONU-Hábitat foi, sen dúbida, un dos máis aclamados na xornada previa á entrega destes galardóns -patrocinados dende 1996 pola municipalidade de Dubái-, que recoñecen as mellores prácticas impulsadas en diferentes partes do mundo para axudar a mellorar as condicións de vida das persoas.
O salón Zabell Hall do hotel Radisson Blu, situado en Deira Creek, vestiu as súas mellores galas para recibir os representantes dos once proxectos galardoados na décima edición destes premios. Trátase de seis iniciativas recoñecidas como mellores prácticas -entre elas Pontevedra e outro proxecto español executado en Guinea Bisseau-, dúas investigacións universitarias, dúas ideas comunitarias e un último premio a nivel persoal.
Foi Daniel Macenlle o encargado de explicar en inglés e durante uns quince minutos os detalles do modelo urbano aplicado en Pontevedra. O intendente xefe da Policía Local cualificou ao municipio do Lérez como unha "cidade compacta que nos permitiu potenciar os desprazamentos peonís" e que soubo, ao longo destes anos, "evitar unha dinámica que tería sido irreversible" en materia de mobilidade, accesibilidade e uso dos espazos públicos.
Comezou a súa exposición recordando como, antes de 1999 -data na que se pechou ao tráfico o centro histórico-, as rúas e prazas da cidade "estaban ocupados polos coches" e nela as persoas con dificultades de mobilidade se encontraban con numerosas barreiras físicas e arquitectónicas. A iso engadiu que arredor do 70% das augas residuais se vertían ás canles fluviais sen depurar e que a contaminación acústica e do aire era "moi elevada".
Fronte a esa situación, sinalou que o Concello de Pontevedra apostou por dar unha nova vida" aos espazos públicos, aumentando a autonomía persoal dos seus habitantes, eliminando os principais riscos derivados do tráfico e a mobilidade, recuperando áreas urbanas degradadas e reducindo os niveis de contaminación. Unhas accións, dixo, que lograron a implantación dun modelo "saudable" e a recuperación da conexión entre a cidade, a ría e o río Lérez.
Pontevedra centrouse en "mellorar a súa calidade urbana", un proceso liderado polo Concello, pero que contou cunha ampla participación de axentes sociais. Recoñeceu que, sobre todo nas primeiras etapas, se abriu un amplo debate social" que levou aos veciños a "aumentar a súa preocupación polo destino da súa cidade, incrementando a súa participación na toma de decisións e o seu posterior desenvolvemento,". Sen esa implicación, dixo, o proceso "non habería avanzando ao ritmo que se levou ou, probablemente, tería fracasado".
As "cada vez menores" resistencias a este modelo "viñeron e veñen", apuntou, do "medo ao descoñecido e dos defensores con decisión do uso e abuso do coche". Pero Mancelle asegurou que moitos deles "pasaron a ser defensores do cambio pouco despois", especialmente ao ver como os espazos recuperados foron "ocupados inmediatamente" polas persoas, facendo súas esas novas zonas de convivencia e defendéndoas con entusiasmo".
Tras catorce anos, dixo, este modelo de cidade "pensado e executado por e para as persoas" permitiu crear 40 quilómetros de senllas peonís e ciclistas ao lado da ría e os ríos, erradicar as verteduras de augas residuais, alcanzar a accesibilidade universal, eliminar o tráfico rodado en gran parte da zona urbana ou implantar a velocidade máxima de 30 km/h, o que axudou a crear unha circulación "calmada e segura" en toda a cidade.
Fronte á concepción orixinal das cidades "pensadas para os vehículos privados", en Pontevedra se optou por "cambiar a orde de prioridades", segundo o alcalde
Citando a Francesco Tonucci, Daniel Macenlle destacou que Pontevedra nunha cidade na que "os nenos poden ser autonómos para pasear e lugar nas rúas e prazas", na que as persoas en cadeiras de rodas "non teñen barreiras para desprazarse, onde aumentou a actividade cidadá nas rúas, onde o contacto coa ría e os ríos "é doado e continuo" e onde se dan moitas facilidades para levar un estilo de vida san e saudable.
Pontevedra demostrou, concluíu o intendente da Policía Local, que as cidades "poden ser transformadas" en lugares amables, ecolóxicos, sostibles, seguros, cómodos, integradores e inclusivos "relativamente en pouco tempo" e sen necesidade de destinar para iso "recursos excepcionais ou grandes obras", senón tan só ter claro o desexo de apostar por destinar o diñeiro dispoñible á mellora urbana e ambiental "e non a outros fins".
PREGUNTAS PARA O ALCALDE
Tras a presentación realizada por Daniel Macenlle, foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o que subiu ao escenario para responder ás preguntas dos membros das outras delegacións internacionais. As cuestións, principalmente, estiveron relacionadas sobre se cren que este modelo pode ser exportable a outras cidades españolas ou europeas, acerca de como afrontaron a oposición a este modelo ou sobre quen liderou todo este proceso.
Neste sentido, Fernández Lores explicou que fronte á concepción orixinal das cidades "pensadas para os vehículos privados", en Pontevedra se optou por "cambiar a orde de prioridades", apostando primeiro polo peón, segundo pola bicicleta e terceiro por todo tipo de transporte público colectivo, deixando para último lugar o uso dos coches particulares. Foi unha decisión "política", reiterou, que formaba parte dun "proxecto integral" que permitiu aumentar a calidade de vida dos pontevedreses.
Tras esta primeira sesión dentro da programación de actos do Dubái International Award, Pontevedra recollerá este martes 24 de febreiro o premio ONU-Hábitat ás melloras prácticas. Será nunha cerimonia solemne na sede da Asociación Cultural e Científica de Dubái, situada na área de Al Mamzar. Segundo anunciou a organización, será retransmitida en directo por unha canle de noticias 24 horas que emite dende os Emiratos Árabes.