Once cidades españolas forman parte actualmente da rede de cidades creativas da Unesco. Ningunha delas é galega, pero iso pode cambiar moi pronto. Pontevedra está a estudar a súa adhesión a este colectivo internacional.
Esta rede de cidades creativas naceu no ano 2004 e xunta localidades de todo o mundo -250 ata o de agora- que teñen como base a promoción e a cooperación entre cidades que identifiquen a creatividade como un factor estratéxico de desenvolvemento urbano sostible.
A rede cubre sete ámbitos creativos: artesanía e artes populares, artes dixitais, cinema, deseño, gastronomía, literatura e música, de entre os que debe escollerse un para a definición desa candidatura, na que debe presentarse tamén un plan de acción de catro anos.
Os primeiros pasos para entrar nesta rede déronse nunha xuntanza que mantiveron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, con representantes da Universidade de Vigo.
Entre eles estaban a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a directora de Área do Campus de Especialización, Ana Belén Fernández Souto; e o director de área adxunto á vicerreitoría, Luis Torres.
Esta adhesión de Pontevedra á rede de cidades creativas da Unesco é de grande interese para o campus universitario debido á súa especialización na creación e o deseño.