A Universidade de Vigo presentou este xoves a ruta do arboreto do Campus de Pontevedra, deseñada no marco do proxecto Green Campus, co propósito de dar a coñecer, a través paneis informativos instalados no percorrido e dunha aplicación informática, as árbores presentes no espazo académico da Xunqueira.
Trátase dun percorrido de dous quilómetros polo campus que a través dunha base de datos en Google Maps, permite ir identificando e coñecendo as características, das 362 árbores presentes nas diferentes parcelas na Xunqueira, pertencentes a 54 especies de 28 familias distintas.
Todas e cada unha das 362 árbores contan cunha ficha na base de datos á que pode accederse a través dos códigos QR dos paneis, e que permite obter información como o nome científico e os nomes comúns en galego e castelán, á familia ou grupo ao que pertence e a rexión de orixe de cada exemplar. Así mesmo, esta base de datos tamén permite clasificar estas árbores segundo á súa clase (coníferas ou frondosas) e á familia á que pertencen e complétase cunha serie de fotografías 360º de diferentes puntos do campus así coa xeolocalización de diferentes servizos.
Na presentación desta ruta, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, destacou a "vinculación que do campus co medio ambiente, a sustentabilidade e os espazos verdes", e salientou que esta iniciativa pon o foco en buscar "a implicación da comunidade universitaria coa realidade da sustentabilidade".
Nese mesmo senso, o director do Green Campus, Carlos Souto, lembrou que a distinción outorgada ao campus pontevedrés pola Foundation for Environmental Education, a través da ADEAC, obriga a ser "un pouco pioneiros na defensa do medio ambiente e da educación ambiental".
Desde a Vicerreitoría trabállase actualmente na elaboración dunha unidade didáctica que permita que esta ruta poida servir tamén como ferramenta educativa para escolares.
Xunto aos responsables da Vicerreitoría, esta presentación contou coa participación do director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, e do técnico da escola que coordinou o proxecto, Luis Torres, así como do alumno do centro que, ao abeiro da bolsa Green Campus, levou a cabo este proxecto, Emilio Iglesias.
Pola súa banda Juan Picos destacou que "o máis importante deste proxecto é que permite pór en valor algo que xa tiñamos", engadindo que "o esforzo en comunicar o que temos e que ao mellor a xente non coñece, que os propios xardíns do campus sexan no fondo unha infraestrutura formativa, é o máis bonito deste proxecto", dixo.