Tres novas pontes da cidade, a das Correntes, a dos Tirantes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas, estrearon este sábado a súa nova iluminación ornamental. Con elas xa son catro as pontes que contan con este tipo luces, xa instaladas no Burgo na súa rehabilitación integral.
As tres pontes teñen unha iluminación branca a base de proxectores de tecnoloxía LED, que permitirán tanto resaltar as estruturas como crear unha nova panorámica do río Lérez.
O edil de Obras, Demetrio Gómez, explicou que esta iluminación, que se activou tras varias semanas de probas, "cambiará a paisaxe nocturna da cidade" con tecnoloxía galega.
A nova iluminación das tres pontes foi adxudicado á empresa pontevedresa Setga por 430.000 euros e caracterízase, segundo o concelleiro, por estar colocada para evitar calquera contaminación lumínica e ser resistentes ao contacto coa auga.
Con este novo proxecto, a ponte das Correntes dispón de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidable e con control único programable, o que permite un sistema de acendido de luces de cores similar ao que se instalou na ponte do Burgo.
Aínda que a iluminación será branca na maior parte do tempo, a ponte das Correntes sumarase ao espectáculo de luces de cores que se realiza cada noite na ponte do Burgo durante cinco minutos. Ao mesmo tempo, amosarán un aspecto similar.
Na ponte dos Tirantes as columnas e os tirantes foron iluminados por novos proxectores e a este alumeado sumouse o taboleiro, ao que se lle dá luz dende a parte baixa, cara á auga.
Ao respecto da pasarela peonil, a iluminación ornamental consiste na instalación de cordóns LED nos tirantes e nos proxectores no arco para as persoas que camiñan.
As luces de ambas serán estáticas e de cor branco "porque estamos entrando na zona natural do Lérez", segundo Demetrio Gómez, a diferenza do alumeado "multicor e dinámico" das pontes que están nun ámbito máis urbano.
Logo da iluminación da ponte do Burgo, que tamén foi executada por esta compañía, queda agora pendente a iluminación ornamental da ponte de Santiago. O Concello avanza que esta actuación vaise a incluír nun proxecto no que xa traballan os técnicos municipais.