Este mércores abriu as súas portas a nova caseta que funcionará como sede única de Turismo de Pontevedra, diante das Ruínas de San Domingos, nun espazo que ata hai pouco ocupaban un monolito turístico e un olivo trasladado aos xardíns do parque da Praza de Europa.
A estrutura foi instalada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo cun orzamento duns 40.000 euros.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco considera que manter unha oficina única de Visit Pontevedra "resulta máis operativo" xa que rematou o convenio coa Deputación "e desde hai uns meses deixamos de ocupar o Palacete das Mendoza", que é a sede de Turismo de Rías Baixas.
En opinión de Blanco, a caseta está situada "nun enclave absolutamente estratéxico, en pleno corazón da cidade, onde chegan moitísimos turistas, moi preto do Camiño de Santiago, e de San Roque, onde chegan os autobuses turísticos", polo que "era vital tela instalada aquí".
"Agardamos que este sexa un ano pletórico de turismo", engadiu a concelleira.