O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que espera sacar a licitación en agosto o contrato do lixo.
Esta semana o goberno local aprobou a estrutura de gastos do novo contrato de residuos municipais, cun novo estudo dos custos e do prezo da concesión que se incrementan "para que sexa máis atractivo".
Despois de que o anterior concurso queda deserto "agora ternos que volver a tramitar de novo todo o expediente" polo que este era "un trámite necesario" que inclúe a revisión dos prezos. Pasaranse dos 12 millóns de euros polos que se licitou o anterior contrato, a preto de 14 millóns no actual.
Pasado o período de exposición pública sen que este documento recibise alegacións, agora continúa o proceso administrativo. "É unha tramitación longa pero esperamos que en agosto estea rematado todo o expediente para volver a sacar de novo o concurso", explicou Lores.
O alcalde recoñeceu a existencia de "dificultades" para sacar adiante este contrato algo que achaca ao l "cambio de paradigma no tratamento dos residuos domésticos" o que provoca que existan "dificultades por parte das empresas para asumir ese compromiso".
Segundo sinalou Lores, "as empresas queren facer un contrato de servizos e nós queremos que se cumpra a lexislación no sentido de que se pague por obxectivos e sexa algo diferente".
O rexedor nacionalista indicou que "non están saíndo contratos neste sentido a nivel do Estado" polo que presume de que en Pontevedra "somos pioneiros, temos ese mérito" aínda que tamén recoñece que "iso sempre ten dificultades".
"Pontevedra será pioneira na recuperación, reutilización e aproveitamento dos residuos domésticos", manifestou Lores, "é óbvio que non estamos nunha situación óptima agora".
En calquera caso descarta unha municipalización deste servizo porque sería "moi complicado" xa que "habería que facer unha empresa mixta, terías que recoller os traballadores, e un tema moi complexo, hai que facer un investimento moi potente e hai empresas que teñen máis conocimento de facer esas cousas e que están especializadas niso. É un gran debate".