A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta do estado de execución da denominada Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, coñecida polas súas siglas EDUSI, e que está englobado no programa "Máis Modelo Urbano Pontevedra" que contempla un investimento global de 12,5 millóns de euros cofinanciados ao 80% a través do FEDER.
Segundo indicou Anabel Gulías, está programado o 96,32% das 20 liñas de actuación incluídas no programa. Ou o que é o mesmo, 12.039.834 euros.
Desta cantidade o 60% xa está comprometida ou adxudicada (7.560.354 euros). Tamén hai 5.156.973 euros como gasto xustificado, é dicir, que xa foi pagado e agora solicítase o reintegro do diñeiro ao Ministerio de Movilidad, Transporte e Axenda Urbana.
Trátase de actuacións como a reforma da Ponte do Burgo, o núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, a reforma do Gorgullón, o transporte colectivo a demanda, o ximnasio da Once, o Parque Forestal da Fracha, a reforma do pavillón multiusos da Xunqueira, a reforma do Mercado Municipal, o Edificio Social Centro Sur, entre outras.
Outras destas actuacións planificadas están xa subidas á aplicación do estado Galatea, que xestiona estes fondos, e agora están pendentes de recibir o visto bo para iniciar o proceso de contratación.
Anabel Gulías asegurou que estes número demostran que a xestión de Pontevedra é unha das estratexias Edusi "máis avanzadas en Galiza e tamén dentro do Estado", aínda que recoñece que aínda quedan "proxectos grandes por desenvolver" pero o balance é " moi positivo".
O goberno local espera que esta xestión sexa un " bo aval" para que Pontevedra este ben posicionada para poder captar financiamento doutros fondos europeos, tanto no que se refire ao Fondo de Recuperación Next Generation como ao novo período de programación de Fondos Comunitarios 2021-2027 incluíndo unha nova entrega destes fondos Edusi "nos que Pontevedra pretende seguir tendo un papel activo".