Pontevedra esixe a retirada "inmediata" da "noxenta" campaña antiabortista

Pontevedra
24 de xaneiro 2022
Actualizado: 14:09

Esta campaña, que anima á poboación para "rezar" ante as clínicas que practican abortos, "é claramente repulsiva", segundo a portavoz do goberno municipal. Pontevedra, destacou Anabel Gulías, é un concello "feminista", polo que o executivo local advirte que non se tolerarán iniciativas que "atentan contra a capacidade de decisión das mulleres sobre os nosos propios corpos"

Campaña antiabortista en Pontevedra
Campaña antiabortista en Pontevedra

A campaña antiabortista presente en varios espazos publicitarios da cidade ten as horas contadas en Pontevedra. O Concello esixiu á empresa concesionaria que retire "inmediatamente" un material que cualificou de "noxento".

Esta campaña, que anima á poboación para "rezar" ante as clínicas que practican abortos, "é claramente repulsiva", segundo trasladou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

Pontevedra, destacou Gulías, é un concello "feminista", polo que o executivo local advirte que non se tolerarán iniciativas que "atentan contra a capacidade de decisión das mulleres sobre os nosos propios corpos".

Desde o servizo municipal de Patrimonio, tendo en cuenta que a empresa privada que xestiona estes espazos faino en réxime de concesión, instou xa á compañía a retirada desta campaña publicitaria. 

"Estamos vendo cales son as medidas de presión que podemos ter para esa retirada", sinalou Gulías, que asegura que os técnicos municipais están "vendo todas as posibilidades que temos para facer forza" contra a permanencia desa campaña no espazo público.

Pouco despois destas declaracións, o Concello confirmou que a empresa aceptou retirar a campaña e os carteis serán quitados este mesmo luns..