O Concello de Pontevedra entregará catro 'big bags' (sacos grandes) cun total de catro metros cúbicos de material estruturante ao Concello de Ponte Caldelas para que o poida empregar en minorar a erosión dos montes queimados polos lumes da vaga de incendios da pasada semana.
O concelleiro de Ponte Caldelas Manuel Barreiro púxose en contacto co goberno local de Pontevedra para pedirlle axuda ante a vaga de lumes e as posibles consecuencias ao chegar as cinzas aos ríos e erosionar os montes. Ante esta solicitude, decidiuse responder enviando material estruturante para que o destinen a cubrir e tratar o chan queimado.
Cada 'big bag' de estruturante ten un metro cúbico de material, o que implica que se lle entregarán ao concello veciño catro metros cúbicos en total. O Concello de Pontevedra ten este material de reserva para os composteiros comunitarios que xa ten operativos, segundo informou o voceiro do goberno local, Raimundo González.
300 MÓDULOS PARA COMPOSTEIROS
En relación cos composteiros, a Xunta de Goberno local aprobou adxudicar á empresa Verdican o subministro de 300 unidades modulares para compostaxe comunitaria por un importe de 137. 940 euros.
Os módulos estarán destinados aos composteiros comunitarios dos barrios de Monte Porreiro e Campolongo. A empresa ten un prazo de entrega de seis meses e o material ten unha garantía de catro anos.
Raimundo González indicou este luns que esta semana comezarán os traballos para a instalación das bases dos composteiros de Monte Porreiro, paso previo para a instalación das unidades modulares que se aprobou adquirir.
En canto á instalación de Campolongo, están rematando o estudo da ubicación adecuada.