Pontevedra encoméndase a San Sebastián e San Roque polo coronavirus

Pontevedra
31 de marzo 2020

Mentres dure o confinamento, a parroquia de Santa María a Maior púxose baixo a encomenda de San Sebastián e de San Roque, destacando un cadro do primeiro e a imaxe do segundo nun lugar preeminente da Real Basílica. Segundo explican os responsables desta parroquia adoptouse esta medida "co propósito de situar a Pontevedra, unha vez máis, baixo o patrocinio efectivo dos seus santos benefactores"

Un cadro de San Sebastián e a imaxe de San Roque situáronse nun lugar preeminente da Real Basílica
Un cadro de San Sebastián e a imaxe de San Roque situáronse nun lugar preeminente da Real Basílica

Segundo explica o Arcebispado de Santiago, en xaneiro de 1515, durante un grave episodio de peste, a entón vila de Pontevedra ofreceuse a San Sebastián, con motivo da proximidade da súa festa e dada a súa especial intercesión para librar de calquera enfermidade a persoas e urbes. "Como queira que o brote de peste remitiu por mor das devotas oracións dos pontevedreses, desde entón réndeselle a este santo unha especial homenaxe cada 20 de xaneiro, figurando como un dos principais protectores da cidade, xunto a San Roque".

Actualmente é outra a pandemia que preocupa á humanidade e a Igrexa católica volveu a acudir a estes dous avogados fronte ás epidemias.

Mentres dure o confinamento, a parroquia de Santa María a Maior púxose baixo a encomenda de San Sebastián e de San Roque, destacando un cadro do primeiro e a imaxe do segundo nun lugar preeminente da Real Basílica.

Segundo explican os responsables desta parroquia adoptouse esta medida "co propósito de situar a Pontevedra, unha vez máis, baixo o patrocinio efectivo dos seus santos benefactores".

Con todo os protocolos sanitarios desaconsellan sacalos en procesión como se facía outrora. "Son moitas as  rogativas a ambos os santos de que hai constancia, habitualmente celebradas con novenario e procesión. Dado que as aglomeracións unicamente favorecerían a propagación do coronavirus, sería contraproducente programar calquera manifestación pública deste tipo".

NOVENA VIRTUAL

Con todo, o párroco Javier Porro non descarta outras alternativas "de contar cunha suficiente demanda social, plantearíase a posibilidade de levar a cabo unha novena virtual, a través dos medios telemáticos á nosa disposición".

E é que esta parroquia de Santa María a Maior de Pontevedra buscou durante estes días a maneira de reorganizarse e coordinarse, cinguíndose ás medidas tomadas pola administración estatal e autonómica, e tamén ao disposto pola Conferencia Episcopal Española e os bispos da Provincia Eclesiástica de Galicia.

Así, suspendeuse o culto público, a Real Basílica mantén unha versión reducida do seu horario de apertura, de 10 a 13:30 horas, polas mañás, e de 18:30 a 20:30, polas tardes. As misas están a celebrarse en privado, sen dar a comuñón, do mesmo xeito que o rosario. Tamén se está procedendo, por outra banda, á limpeza e desinfección dos espazos parroquiais.

A catequese transformou os seus métodos con actividades en liña ou mesmo encontros por vídeo chamada. E outro tanto ocorre coa Pastoral da Saúde, que mantén un seguimento telefónico con todas aquelas persoas enfermas ou impedidas que antes eran visitadas con frecuencia nos seus fogares.