Pontevedra énchese de mulleres que opinan e dan a súa propia visión do día a día nos medios de comunicación

Pontevedra
01 de marzo 2019

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores inauguraban a segunda edición de 'As mulleres que opinan son perigosas', un encontro de mulleres columnistas, que contará con ponentes como as xornalistas Gemma Herrero, Requena Aguilar, Ana Romaní ou Pepa Bueno

Inauguración da segunda edición de 'As mulleres que opinan son perigosas'
Inauguración da segunda edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' / Mónica Patxot

As xornalistas Diana López e Susana Pedreira, organizadoras do Encontro de Mulleres Columnistas, comezaban esta segunda edición co audio das principais emisoras de radio estatais e autonómica nos seus arranques matinais. En todas elas, as voces eran de homes: Alsina, Carlos Herrera, Jiménez Losantos, Xosé Valiñas... agás na Cadena Ser, onde irrumpe a voz da xornalista Pepa Bueno, unha das profesionais da comunicación que estará presente neste encontro.

Con esta demostración, as organizadoras querían denunciar a presenza maioritaria dos homes nos medios de comunicación e nos seus postos de dirección nos que non existe unha igualdade real, un obxectivo que se busca a través de 'As mulleres que opinan son perigosas', que se desenvolve durante este venres 1 e este sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.

Ao longo destes dous días, xornalistas como Chus Gómez, Lorena G. Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Ana Requena Aguilar, Ana Romaní, Pepa Bueno, Inma López Silva, Irene Bascoy, Lucía Mbomio, Tati Moyano, Tareixa Navaza, Teresa Lozano, Zua Méndez e Marta Sanz ofrecerán a súa visión sobre a opinión nos diferentes ámbitos xornalísticos e nos distintos medios tanto autonómicos como nacionais.

Carmela Silva, a presidenta da Deputación e o alcade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores foron os encargados de inaugurar esta cita no Teatro Principal. A máxima representante provincial sinalaba que resulta moi aburrido escoitar case solo homes nas radios matinais e avogaba pola presenza de mulleres nos medios para incrementar a credibilidade informativa. Pola súa parte, o alcalde capitalino tamén indicaba que, ademais, sempre son os mesmos opinadores nos medios e quixo facer un chamamento a que as mulleres aporten a súa propia visión.

A presidenta da Deputación insistíu en que o 8 de marzo de 2018 foi unha data histórica para o feminismo e para a loita dos dereitos das mulleres. Neste sentido amosouse optimista de cara ao futuro e sinalou que as propostas lanzadas polos líderes de PP, Ciudadanos e Vox coa intención de derrogar a lei de violencia de xénero ou reformar a lei do aborto só responden a unha defensa do patriarcado que se atopa "asustado" ante o movemento emprendido polas mulleres. Por este motivo, reclamou a participación na folga de 24 horas do vindeiro 8-M a todas as mulleres, lembrando aos homes que ese día deben facilitar que as mulleres eviten realizar traballos. 

As intervencións, a pregunta de Diana López, centráronse en como deberían actuar as administracións locais e provinciais se o autobús do colectivo Hazte Oír quere instalarse na praza de España, en Pontevedra, coa imaxe dun Hitler cos beizos pintados e cun lema en que denominan ás feministas como "feminazis" e se nega a violencia de xénero. Fernández Lores sinalou que se non é posible impedir legalmente esa instalación, debería ningunearse por parte da cidadanía. Carmela Silva apuntou que non se pode permitir que o autobús estea nas rúas porque entende que incorre nun delito de incitación á violencia. A presidenta provincial rematou a súa intervención co verso de Alberti dirixido a este tipo de iniciativas do patriarcado: "A galopar, a galopar hasta enterrarlos en el mar".

A continuación, a xornalista do Diario de Pontevedra, Chus Gómez falou sobre a opinión na prensa local e tratou a síndrome da impostora, esa falta de autoestima que afecta a algunhas mulleres cando teñen que aportar a súa opinión nos medios de comunicación e se preguntaba se os homes pasaban polo mesmo, denunciando deste xeito que, tradicionalmente, as columnas na prensa eran couto pechado para os homes.

As sesións continúan ao longo de toda a xornada deste venres ata que Pepa Bueno, directora de Hoy por Hoy, conclúa cunha charla sobre a muller que manda na radio matinal de España. Será ás 19.45 horas.

A partir das 10.30 horas deste sábado van retomarse as intervencións nunha sesión na que destacan xornalistas como Tati Moyano, da CRTVG, e Tareixa Navaza, unha das referencias históricas dos primeiros informativos audiovisuais en Galicia.

Todo o foro pode seguirse a través desta ligazón: https://www.depo.gal/es/escola-de-igualdade-maria-vinyals/foro-as-mulleres-que-opinan-son-perigosas