Sen sorpresas. Miguel Anxo Fernández Lores foi investido por sexta vez como alcalde de Pontevedra. Aos seus 65 anos, o nacionalista gobernará a cidade, polo menos, ata 2023. Así se decidiu no pleno de investidura celebrado este sábado, como marca a lexislación electoral, no Teatro Principal.
Fernández Lores logrou 14 votos a favor, os do BNG e os do PSdeG-PSOE. A única excepción, aínda que por erro, foi a de Pilar Comesaña que, entre risas, admitiu que se equivocou e votou en branco. Os nove edís do PP votaron en contra e o único representante de Cidadáns tamén optou por votar en branco.
Todos os edís electos, tras prometer ou xurar o seu cargo, exerceron o seu dereito ao voto. Neste caso, a única candidatura presentada foi a de Fernández Lores, xa que os outros tres portavoces, Rafa Domínguez (PP), Tino Fernández (PSdeG-PSOE) e Goyo Revenga (Cidadáns) renunciaron a presentar a súa.
O alcalde, que recibiu o bastón de mando de mans de Pilar Comesaña que, como edil de maior idade, presidía este pleno de investidura, mostrouse emocionado e agradecido ante a posibilidade de liderar o "novo ciclo" que se abre na cidade de Pontevedra.
No seu discurso de investidura, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que "non hai lugar para a relaxación ou o conformismo" e avogou porque a cidade "siga avanzando" para consolidar un modelo urbano que levou a Pontevedra a ser un "referente mundial" e para dotar ao municipio de solucións "avanzadas e novidosas".
Fernández Lores destacou que o goberno municipal terá unha "ampla base" e que con "valores sólidos" e un rumbo "ben definido" será capaz de actuar "con moito impulso e con moita decisión". A colaboración da cidadanía, engadiu, será vital para que Pontevedra poida "afrontar novos retos" para os que "xa estamos preparados".
"Acabáronse os tempos do máis e chegan os tempos do mellor, pasaron os tempos de medrar a toda costa e estamos nos tempos da mellor calidade e das mellores solucións", afirmou o alcalde, que reivindicou "non parar nin volver atrás" para que Pontevedra "non perda a posición de vantaxe que temos na actualidade e que con tanto esforzo logramos entre todos".
Recoñeceu que será un reto "grande e difícil" pero "moi ilusionante", aínda que destacou que coa "experiencia do éxito" e a "autoestima colectiva elevada", a capacidade da cidade de Pontevedra para afrontar o seu futuro "é hoxe moitísimo máis grande que hai dúas décadas".
O BNG gobernará o próximos catro anos xunto aos catro edís do PSdeG-PSOE. Será porque, segundo Tino Fernández, os socialistas "entendemos claramente" que os pontevedreses pediron que a cidade "siga avanzando polo camiño trazado hai dúas décadas" e no que, lembrou, o seu partido "tivo moito que ver".
Ante o pleno, Fernández reivindicou que a cidade debe "avanzar e non retroceder" e, para iso, os socialistas traballarán para lograr un maior reequilibrio territorial, impulsar un transporte público, reforzar as políticas sociais, apostar por grandes infraestruturas, defender os servizos públicos, recuperar o patrimonio e converter a igualdade en prioridade.
O apoio dos catro concelleiros a Lores, dixo o portavoz do PSdeG-PSOE, é un "primeiro paso" no que será unha "xestión conxunta" dun proxecto "cheo de ilusión".
Rafa Domínguez e os seus oito edís serán, sen dúbida, o referente na oposición municipal. O líder do PP, na súa intervención, felicitou a Lores por ser unha "parte fundamental" da historia democrática en Pontevedra, pero advertiulle que ao ser "viejos conocidos" non lle concederá tregua e comezarán a traballar "sin descanso y desde el minuto 1".
Os populares, dixo Domínguez, "estaremos enfrente" de todas aquelas decisións "que no sean las mejores para Pontevedra", pero garantindo que "estaremos a vuestro lado" se resulta ser todo o contrario porque o benestar da cidade "es lo único que nos guía". Para iso, prometeu "esfuerzo, trabajo y tenacidad" no seu labor como oposición.
Na oposición tamén estará Goyo Revenga. O líder de Cidadáns mostrou o seu "respecto" á decisión dos veciños de Pontevedra de optar, por sexto mandato consecutivo, por Fernández Lores como alcalde e avanzou que fará unha oposición "construtiva, respectuosa e coherente" e que, pola súa banda, "non vai faltar diálogo, respecto e tolerancia".
A sesión de investidura celebrouse nun ateigado Teatro Principal, onde apenas había asentos libres, para dar cabida a familiares e amigos dos concelleiros electos, a cidadáns que, a título particular, quixeron asistir a este pleno e a representantes das forzas vivas e institucións da cidade.
Así, entre outros, asistiron a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o vicerreitor da Universidade de Vigo, Jorge Soto; ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Pontón, que falou cos xornalistas antes do pleno, celebrou que as eleccións deixasen "claro" que os cidadáns "querían que Lores seguira sendo o seu alcalde" e que o vaia a facer cunha "maioría reforzada", tras o pacto co PSdeG-PSOE, que lle permitirá "seguir desenvolvendo un modelo de éxito".
ENCE, PRESENTE NA INVESTIDURA
Ademais, tal e como anunciaran, máis de medio centenar de traballadores de Ence concentráronse ante as portas do Teatro Principal para defender a continuidade da fábrica de Lourizán. Ataviados con chifres, bucinas e petardos, apuparon aos edís do BNG e PSdeG-PSOE á súa entrada ao pleno, gritando "Lores escoita, Ence está en loita".
Nas súas respectivas intervencións, Lores e Tino Fernández fixeron referencia á situación da pasteira na ría, aínda que mentres o alcalde limitouse a dicir que o traslado de Celulosas é un dos asuntos "pendentes" en Pontevedra, o portavoz socialista foi moito máis duro.
Fernández cargou contra aqueles que queren "usurpar o que é de todos" e que se dedican a "comprar vontades con cartos" co "único horizonte" de aumentar os seus beneficios económicos. "Xa lles aviso que, desde o máximo respecto e sen ceder un palmo, traballaremos para que a xustiza que non tivemos hai 60 anos, a teñamos agora".
"O que agrede, insulta ou ameaza, perde o tempo", engadiu o portavoz socialista.