Pontevedra e Jeonju declaran, vía convenio, ser "cidades amigas"

Pontevedra
02 de novembro 2017

Lores asinou un acordo de colaboración coa cidade surcoreana para potenciar un traballo conxunto na promoción e cooperación de intercambios nos ámbitos dos intereses de ambas as dúas cidades co "obxectivo de fomentar a amizade entre os seus cidadáns"

Sinatura do convenio de colaboración entre Pontevedra e Jeonju
Sinatura do convenio de colaboración entre Pontevedra e Jeonju / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, continúa coa súa viaxe institucional a Corea do Sur, onde recollerá un premio concedido polo colectivo de cidades Cittaslow International ao modelo de mobilidade da cidade. Aproveitando a visita, este xoves asinou un acordo de colaboración coa cidade coreana de Jeonju para que ambas as dúas cidades traballen man a man.

O convenio asinado potenciará un traballo conxunto na promoción e cooperación de intercambios nos ámbitos dos intereses de ambas as dúas cidades e fomentar o cumprimento dun memorandum de entendemento para cidades amistosas, todo co obxectivo de fomentar a amizade entre os seus cidadáns.

Durante a visita, produciuse un intercambio de agasallos tradicionais das súas cidades no que Lores recibiu a figura dun tigre tradicional, un amuleto para alonxar os malos espíritos e para previr os incendios. Lores trasladoulle que este tipo de sorte "é algo do que estamos moi necesitados en Galicia, porque alí hai moitos lumes" e deulle, á súa vez, ao alcalde anfitrión un prato de Sargadelos co estudo de Pontevedra.

Segundo informou a delegación municipal desprazada a Corea do Sur, o alcalde de Jeonju, Kim SeungSu, recibiu a Lores no vestíbulo do concello e explicoulle que o edificio está aberto a toda a cidadanía, conta cunha cafetería e unha pequena biblioteca e acolle imaxes de todas as persoas insignes da cidade.

Xa no despacho do alcalde, Kim SeungSu e Lores falaron sobre como poder facer de Jeonju unha cidade para as persoas e o dirixente anfitrión trasladoulle que "ten como obxectivo converter a Jeonju en Pontevedra no prazo de tres anos". Segundo lle trasladou, os proxectos postos en marcha en distintos puntos da cidade para acadar este obxectivo contan coa oposición dunha parte da cidadanía, xusto o mesmo que ocorreu na cidade do Lérez nos primeiros pasos para a peonalización. 

Kim SeungSu manifestou a Lores o interese de moitos concellos de Corea en coñecer o modelo de Pontevedra para aplicalo no país asiático, de modo que o alcalde pontevedrés realizou unha invitación formal para que visiten a cidade e comprometeuse a axudalos na medida das posibilidades e da disponibilidade do concello.