A primeira bandeira verde coa que a Foundation for Environmental Education (FEE) recoñece a un campus universitario en España será a de Pontevedra. Esta distinción ofrécese pola xestión e a educación ambiental que se está desenvolvendo neste espazo.
O xurado nacional do proxecto Green Campus, que está coordinado en España pola asociación ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), acordou por unanimidade conceder ao campus pertencente á Universidade de Vigo esta bandeira. Este curso só lucirá na Xunqueira e en dous centros da Universidade da Coruña, a Facultade de Ciencias da Saúde e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.
O vicerreitor Juan Manuel Corbacho, como se destaca no DUVI, considera un orgullo este distintivo que se suma ás quince institucións académicas de oito países que xa contan con esta bandeira en Europa.
Este proxecto Green Campus tivo o seu inicio en xullo de 2013, cando a Universidade de Vigo e a ADEAC asinaron un convenio marco, tras o que se elabora un programa de actuación conxunta. Puxéronse en marcha medidas como a instalación de luces led nos centros para aforrar enerxía ou renovar os contadores da auga por uns con telemedición, ademais de campañas de recollida de lixo ou a plantación de árbores no campus que compensen as emisións de CO2 do Pavillón Universitario. Tamén nas últimas semanas establecéronse aparcabicis para promover o transporte a través da bicicleta.