Pontevedra lembra que a metade da poboación está na diana da violencia machista

Pontevedra
19 de novembro 2024
Actualizado: 20 de novembro

No balcón da Casa Consistorial hai unha diana xigante cunha frecha cravada. A Corporación municipal acudiu á presentación desta imaxe polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Campaña polo 25N "Son muller, son diana"
Campaña polo 25N "Son muller, son diana" / Mónica Patxot

"Seguen a matarnos por ser mulleres" é a mensaxe que quere transmitir o Concello de Pontevedra coa súa campaña "Son muller, son diana".

Ese é o lema escollido polo 25-N para reivindicar e poñer no centro da axenda política que a violencia machista é unha cuestión estrutural que ten que ver co patriarcado, coa educación ou coas prácticas políticas, entre outros moitos factores.

E como resultado, a violencia de xénero cébase na metade da poboación polo feito de ser muller.

O Concello tamén quere loitar contra a percepción de que os asasinatos machistas son unha efeméride máis e por iso esta campaña pregunta diretamente á cidadanía "a quen teñen que apuntar para que che importe?".

Dende este martes no balcón da Casa Consistorial hai unha diana xigante cunha frecha cravada no medio.

A Corporación municipal acudiu á presentación desta potente imaxe polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Campaña polo 25N "Son muller, son diana"
Campaña polo 25N "Son muller, son diana"      Mónica Patxot

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores manifestou que "para acabar con esta lacra" e ante este "número absolutamente inadmisible de asasinatos de mulleres" por violencia machista "temos que estar todos unidos".

Dentro da programación do Concello polo 25N tamén está prevista a inauguración, o vindeiro luns, dunha intervención artística que deixará unha pegada permanente na praza da Audiencia de Pontevedra en lembranza das vítimas da violencia machista na provincia desde o ano 2003: 30 mulleres e 2 nenos.