Para a organización, esta última Feira Franca foi "a máis numerosa que se lembra". É a valoración que fixo a concelleira de Festas, que recoñeceu que as previsións que se manexaban tanto no goberno municipal como no Consello da Feira Franca quedaron "desbordadas" ante a elevada participación. Calcúlase que unhas 200.000 persoas gozaron o sábado da décimo sexta edición desta festa. "Non cabía máis xente", sinalou Carme da Silva.
Aínda así, o Concello non pensa ampliar o espazo no que se desenvolve a Feira Franca ou aumentar os días de celebración porque "iría en detrimento da súa calidade".
A Feira Franca, cualificada como "espectacular e fantástica", polo Concello de Pontevedra volveu demostrar en todo caso o gran tirón que ten, non só entre a propia cidadanía senón tamén entre visitantes chegados de toda Galicia, que encheron por completo os hoteis da cidade e moitos dos cales tamén se aloxaron en municipios próximos como Poio, Marín ou Sanxenxo, segundo recoñecen desde o propio sector hoteleiro.
Carme da Silva destacou que todas as actividades organizadas tanto polo Concello como polas asociacións e entidades participantes do Consello da Feira Franca estiveron "ateigadas de xente", e o espectáculo das xustas celebrado na praza de Touros, por vez primeira escenificado por una empresa galega, tivo que colgar o completo nos dous pases, con xente ás portas da praza que non puido asistir por ter o aforo cheo.
Ademais, a concelleira destacou a gran implicación da hostalería local, que asumiu "na súa práctica totalidade", o espírito da festa e se "esmeraron" na ambientación dos seus locais e veladores, incluso aqueles que se atopaban fóra do ámbito da Feira Franca; e "moito máis" dos centos de particulares que contaban con autorización para ocupar os espazos destinados a xantares e ceas e que estaban engalanados "cun nivel altísimo".
SEGURIDADE E LIMPEZA
Con respecto ás medidas de seguridade, a organización destaca que a festa desenvolveuse con absoluta normalidade, sendo un éxito a súa coordinación dado os miles de persoas que visitaron onte durante todo o día o centro histórico de Pontevedra. Requiriron asistencia sanitaria 56 persoas, das que catorce foron trasladadas a centros hospitalarios da cidade. Con todo, o brazo roto dun rapaz foi a atención de maior consideración.
Os traballos de limpeza de todo o recinto da Feira Franca tivo o seu maior desafío durante as primeiras horas do domingo, nas que se retiraron 40 toneladas de lixo, procedentes na súa maioría dos refugallos xerados durante as comidas e ceas autorizadas a particulares e hostaleiros. Xa durante o sábado, co dispositivo permanente habilitado pola organización, se recolleran outras catorce toneladas.
Ante o éxito alcanzado, Carme da Silva quixo subliñar o esforzo de todas as persoas que participaron na organización, dende os traballadores de Cultura e Festas e os diferentes departamentos do Concello, ata os servizos de seguridade e emerxencias e, por suposto, a todas as asociacións e entidades integradas no Consello da Feira Franca que traballaron arreo para devolver a Pontevedra ao medievo durante un día.