Pontevedra depura o seu arquivo municipal para eliminar documentos sen valor histórico

Pontevedra
15 de xuño 2022

Recibos do imposto de plusvalías e da 'viñeta' do coche, que van desde 1961 a 2004, serán os primeiros documentos que, tras ser custodiados durante décadas, polo arquivo municipal serán destruídos ao carecer de valor fiscal, xudicial, documental ou histórico

Arquivo municipal no antigo conservatorio
Arquivo municipal no antigo conservatorio / Mónica Patxot

Recibos do imposto de plusvalías e da 'viñeta' do coche, que van desde 1961 a 2004, serán os primeiros documentos que, tras ser custodiados durante décadas, polo arquivo municipal serán destruídos ao carecer de valor fiscal, xudicial, documental ou histórico.

Esta actuación enmárcase no programa trazado para a modernización da administración e, neste caso, o expurgo está a ser coordinado por unha comisión municipal que determina a valía destes documentos en base aos criterios marcados pola Xunta de Galicia.

Nunha primeira acción, a comisión aprobou a destrución dunhas 1.455 caixas cheas destes recibos fiscais, que ocupan actualmente uns 155 metros lineais do espazo reservado para o arquivo municipal no antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII.

A Xunta terá que validar esta decisión e, unha vez recibido o aval autonómico, o Concello poderá destruír os documentos un mes despois, aproveitando o papel resultante para a reciclaxe. Os veciños, en caso de necesitalo, poderán solicitar unha copia deses documentos.

Tras este proceso, segundo explicou o concelleiro Demetrio Gómez, "non quedará rastro destes documentos como tal, máis aló do que quede nos libros de rexistro", salvo un par de expedientes como exemplo documental da estética da época.

Este proceso de destrución de arquivos, pensado ademais para liberar espazo, seguirá nos próximos meses, mesmo con outro tipo de documentos. A pesar diso, Gómez avanzou que aínda non están fixados os criterios que rexerán os novos procesos.

O arquivo municipal de Pontevedra atesoura preto de 30 millóns de expedientes e, segundo o edil do BNG, dentro deste expurgo non se eliminará ningún documento anterior a 1955.