Coa chuvia como convidada non desexada, o Carnaval pontevedrés volveu responder ás grandes expectativas que ten esta cita festiva, así destacouno a Concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme da Silva.
"Pontevedra demostrou de novo por que ten o mellor entroido urbano de Galicia", dixo da Silva quen destacou as "ganas e participación" coa que se gozou a festa "chova ou non".
O desfile do sábado, con máis de catro hora de duración, foi posto como exemplo deste éxito que converte o de Pontevedra nun evento comarcal que anula outras convocatorias nos concellos limítrofes, segundo afirmou a concelleira.
Carme da Silva felicitou todos os participantes e organizadores desta festa cidadá.
Coas cinzas de Ravachol aínda candentes, a concelleira deixou para outra ocasión as correccións que se farán de cara ao Entroido do ano que vén. Será nunha reunión cos grupos e comparsas onde se estuden este tipo de cuestións aínda que xa se está a valorar a posibilidade de incrementar nunha xornada máis os días do concurso de murgas, aínda que mantendo o mesmo escenario do Pazo da Cultura.
"Sempre hai cousiñas que correxir e mellorar, e como sempre animar a xente a participar e desfrutar do ambiente dá cidade", concluíu a concelleira.