Pontevedra dará voz á súa rapazada para deseñar unha cidade "mellor para todos"

Pontevedra
04 de marzo 2024

Setembro é a data na que Pontevedra quere poñer en marcha o que denominou o Consello da Infancia, un foro que estará formado por nenos e nenas de 9 e 10 anos. Nel, poderán dar a súa opinión sobre a cidade e achegar as súas propostas para mellorala

Presentación do Consello da Infancia de Pontevedra
Presentación do Consello da Infancia de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Setembro é a data na que Pontevedra quere poñer en marcha o que denominou o Consello da Infancia, un foro que estará formado por nenos e nenas de 9 e 10 anos. Nel, poderán dar a súa opinión sobre a cidade e achegar as súas propostas para mellorala.

O edil de Educación, Demetrio Gómez, explicou que a creación deste foro parte da idea do pedagogo italiano Francesco Tonucci, que está "moi interesado" en iniciativas deste tipo porque entende que unha cidade mellor para a infancia "é unha cidade mellor para todos".

Desde o goberno municipal sosteñen que este será un proceso "complexo" que pretenden poñer en marcha "con coidado" para que sexa unha experiencia "enriquecedora" tanto para os participantes como para o propio municipio.

Así, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se está celebrando estes días servirá como "proba piloto" para este Consello da Infancia. Será unha sesión de toma de contacto dirixida por África Martínez e Ana Barreiro, responsables do colectivo pontevedrés Taller Abierto.

"Queremos que sexa unha experiencia piloto que unha vez remate poidamos estudar e avaliar, e a partir de aí decidir os novos pasos que poidamos dar para que o foro da infancia de Pontevedra se poña en marcha", sostivo Demetrio Gómez.

África Martínez destacou que esta iniciativa busca transmitir aos seus integrantes a importancia de participar e opinar, de respectar as ideas dos demais e que "moitas solucións que se adoptan son froito da opinión das maiorías e non das opinións individuais".

Este "proceso exprés" que se activará no Salón do Libro convidará os nenos e nenas a facer propostas para espazos do propio evento.

Os talleres serás os días 8, 9 e 10 de marzo e para reservar praza hai que solicitala a través do correo electrónico [email protected] ou ben desde a propia web do Salón do Libro.

O Consello da Infancia, segundo os seus impulsores, será un órgano no que os nenos e a nenas "opinarán sobre asuntos da cidade", realizando propostas que logo sexan tidas en conta polo goberno municipal á hora de mellorar os espazos públicos da cidade.

Pretende ser, segundo África Martínez, un espazo "democrático" no que participen escolares de todos os colexios de Pontevedra e no que haxa representación "de diversas realidades". A intención é que teña dezaoito membros, un por cada colexio, e que sexa paritario.

Os seus integrantes serán escollidos por sorteo entre todos os que estean interesados en participar.

"Do que se trata é que fagan unha reflexión de verdade para que as propostas que saian sexan realizables", sentenciou o concelleiro de Educación.