O Concello de Pontevedra impulsa as primeiras "Xornadas Interactivas das Persoas Maiores" que incluirán conferencias, obradoiros e cinema vencellados á senectude, pasarrúas de cantareiros e, como colofón, a lectura dun manifesto reivindicativo na Praza da Verdura o 1 de outubro, data na que se conmemora o Día Internacional das Persoas Maiores.
O programa, impulsado pola Concellería de Benestar Social no marco do proxecto 'Proponte', foi deseñado en colaboración coa Universidade de Vigo, a Uned Sénior, o Espazo + 60 de Afundación, a Residencia de Maiores de Campolongo, o Banco de Alimentos, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), a Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués, o colectivo Inzar e a Asociación Cultural Mais Cantos.
O programa dará comezo este sábado 24 de setembro ás 18:00 horas coa proxección do filme Arrugas e un debate posterior no Salón de Actos da Residencia de Maiores de Campolongo.
A axenda de actividades continuará o luns 26 de setembro no Salón Actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, terá lugar a conferencia 'O Campus camiña cos maiores' e convidarase aos participantes a coñecer o Programa de Maiores da Universidade de Vigo e o funcionamento do Banco de Alimentos, así como a achegarse ao Arboreto do Campus.
O mércores 28 de setembro no Salón de Actos da Uned, en Monte Porreiro, entre as 17:00 e as 20:00 horas darase información sobre a Uned Sénior, do que é un hospitaleiro e en que consiste o labor que realizan no Albergue de Peregrinos e a Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Ademais, celebraranse unha conferencia sobre Envellecemento Activo e unha exhibición de baile.
O venres 30 de setembro, de 10:30 a 13:00 horas, as Xornadas proseguirán na Sala Laxeiro de Afundación, dando a oportunidade de coñecer o Espazo + 60, o traballo que desenvolve Afapo e como previr o Alzhéimer, incluíndose tamén o obradoiro 'Xoga e entrena o teu cerebro'.
En cada evento haberá un Panel Interactivo para volcar opinións, propostas, desexos e suxestións que serán contempladas no Manifesto das Persoas Maiores de Pontevedra.
Por último, a lectura dun manifesto servirá na Praza da Verdura o sábado 1 de outubro como colofón desta intensa semana de actividades neste Día Internacional das Persoas Maiores, unha xornada de celebracións que terá lugar entre as 11:00 e as 13:00 horas e na que Mais Cantos e Nelson Quinteiro protagonizarán un pasarrúas pola cidade con 40 cantareiros que partirá da Praza de Ourense, discorrerá pola Peregrina, Curros Enríquez, o contorno do Mercado de Abastos e rematará na Verdura.
A iniciativa está especialmente destinada á poboación maior de Pontevedra, ao alumnado dos programas universitarios de maiores da Universidade de Vigo e a Uned e ás propias entidades sociais, que poderán tramitar as súas preinscricións nos formulares online dispoñibles no enlace https://apuntate.pontevedra.gal/ (as actividades son de acceso libre ata completar aforo, con preferencia para as persoas anotadas, e será posible apuntarse por separado en cada evento).