Pontevedra creará un centro municipal de información LGTBIQ+ e de asesoramento afectivo sexual. Será un servizo que, a semellanza do CIM, atenderá a persoas que necesiten orientación ou axuda en materia de diversidade sexual.
É unha das principais medidas que recolle o cuarto plan municipal de igualdade que, para o período 2019-2021, aprobou o goberno municipal de Pontevedra e que terá unha incidencia especial na educación e concienciación da poboación máis nova.
A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, avanzou que a creación deste centro será unha prioridade para o seu departamento.
A intención é que se poida poñer en marcha o próximo ano 2020 e así se recollerá nos próximos orzamentos municipais. Contará con persoal propio, aínda que non a tempo completo, con coñecementos especializados na atención ao colectivo LGTBIQ+.
O Concello quere converter este centro é unha "referencia" en información á cidadanía sobre saúde sexual e diversidade sexual, onde calquera persoa poida atopar "respostas" ás dúbidas que teñan ou, mesmo, se lles asesorese ante calquera ataque LGTBI fóbico.
Ademais, o goberno municipal comprométese a incorporar a realidade das persoas con sexualidade diversa na súa axenda política, de maneira que sexa unha cuestión transversal en toda a actuación municipal.
Esta será unha das catro liñas de intervención deste Plan de Igualdade que, entre outras medidas, aposta por abordar de maneira integral as violencias machistas.
Para iso, potenciarase o papel do CIM ou se incidirá na información e sensibilización como ferramentas para loitar contra a violencia de xénero, especialmente entre os mozos con actividades nos centros educativos.
Ademais, este documento insta a promover a participación das mulleres na vida municipal do Concello, establecendo estratexias que faciliten a inclusión da muller nas actividades desenvoltas pola administración, fomentando a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres ou impulsando aínda máis o Consello da Muller Nova.
PROGRAMA INCLUSIÓN SOCIAL
O goberno municipal aprobou tamén este luns o programa municipal de inclusión social para o período 2019-2021, un instrumento normativo que permitirá o desenvolvemento de actividades formativas e a contratación de traballadores sociais a través das subvencións que a Xunta destina a colectivos en risco de exclusión e situación de vulnerabilidade.
En concreto, o Concello solicitou axudas por valor de 245.730 euros coa finalidade de atender ao colectivo xitano e de deseñar programas que faciliten a transición cara o emprego mediante a formación e a xeración de itinerarios de inclusión social.