A Alcaldía do Concello de Pontevedra renovou a colaboración que anualmente destina á organización non gobernamental Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que durante os últimos veráns trasladaba a menores saharauís para que pasasen o verán con familias de acollida de Pontevedra.
Este verán suspendeuse o programa de Vacacións en Paz con motivo da emerxencia sanitaria causada pola presenza da Covid-19. En todo caso, o Concello destina 6.000 euros ao programa de urxencia alimentaria nos campos de refuxiados saharauís en Tindouf.
Con esta cantidade colabórase cubrindo o déficit que sofren nos campamentos en canto a alimentación básica como legumes, arroz, aceite ou azucre, ademais de proporcionar almorzos nas escolas dos campamentos.
Solidariedade Galega do Pobo Saharauí alertaba xa o 19 de abril de que as organizacións humanitarias internacionais que operan nos campamentos de refuxiados saharauís, especialmente ACNUR, o PMA, UNICEF e cinco ONGs internacionais como Oxfam, CISP, Médicos do Mundo, MPDL e SIA, reclaman axudas urxentes e doazóns para evitar unha maior deterioración da situación humanitaria.
Indican que aumentou a taxa de anemia superou o 73% entre mulleres, embarazadas e nais lactantes. E a malnutrición entre menores de cinco anos achégase ao 25%. A estas cifras hai que sumar a alta porcentaxe de persoas que sofren diabetes e problemas de presión arterial.
As necesidades urxentes de elementos básicos como auga para hixiene, saúde, nutrición, educación e protección para os refuxiados saharauís en Alxeria alcanzarían unha cifra de 14 millóns de euros.
Tamén para frear os efectos negativos da Covid-19, a Media Lúa Vermella Saharauí (MLRS) pide aos países doantes que aceleren a provisión de contribucións urxentes aos refuxiados saharauís e apoien aos sectores que salvan vidas, especialmente ao sector de seguridade alimentaria.
Sinalan que o impacto da Covid-19 é visible entre os 60.000 residentes dos Territorios Liberados da República Saharauí. Esta poboación, ademais, sofre a seca dos dous últimos anos e a súa economía depende fundamentalmente dos intercambios comerciais con zonas fronteirizas que agora se atopan pechados para evitar a transmisión da epidemia. Para cubrir as necesidades fundamentais desta poboación, as ONGs estiman que son necesarios cinco millóns de euros.