O Concello de Pontevedra limpará e desinfectará dende este xoves os 20 centros públicos de educación infantil e primaria do municipio, así como a Escola infantil da Parda cun investimento de case 300.000 euros, é dicir, a factura do custe de limpeza dos colexios do concello increméntase nun 40%.
O concelleiro responsable da Xestión de Residuos, Raimundo González, explicou que nas últimas semana se elaborou un expediente tendo en conta as instrucións dos organismos competentes (educación, sanidade...), as dimensións dos centros de ensino, a opinión da asistencia técnica que asesora o novo contrato do lixo de Pontevedra, a opinión da concesionaria encargada de realizar os traballos e, especialmente, o ditame do departamento de residuos do Concello.
O acordo final é actuar en todos os centros de ensino de infantil e primaria, e tamén na Escola infantil da Parda. Os colexios son: A Xunqueira I, A Xunqueira II, Froebel, Manuel Vidal Portela, Álvarez Limeses, Praza de Barcelos, Crespo Rivas, Campolongo, Marcos da Portela, Fina Casalderrey, San Mariño, Cabanas, Santo André de Xeve, Verducido, Lérez, Vilaverde, Marcón, Ponte Sampaio, A Carballeira e a Escola Infantil da Parda.
Nos centros faranse a desinfección de aseos (dúas en horario lectivo), desinfeccións de pasamáns, pomos de portas, teléfonos de uso compartido, perchas... (continuamente), a desinfección de espazos comúns como secretaría, recepción e similares (1 en horario lectivo), a desinfección de espazos comúns como corredores, entradas, escaleiras (1 en horario lectivo).
Tamén a limpeza das salas de reunións (baixo demanda), dos ascensores (continuamente), o valeirado de papeleiras e outras (2 en horario lectivo).
No caso de persoas infectadas adoptarase un protocolo específico.
Todos estes labores son a maiores das limpezas habituais
Todos estes labores son a maiores das limpezas habituais vespertinas nos centros de ensino, adaptadas á nova situación Covid.
O departamento de Residuos xestionou este novo contrato por vía de urxencia coa actual empresa concesionaria do servizo, Ferrovial, que xa fixo a selección de persoal para atender esta emerxencia. Serán 16 persoas contratadas que estarán durante 4 horas (en horario de 09.30 a 13.30 horas) en cada centro, agás nos dous centros de Monte Porreiro, Xeve (Verducido e Xeve) e Campolongo (Crespo Rivas e Campolongo), Ponte Sampaio e Lourizán, que estará unha única persoa durante 5 horas (de 09.00 a 14.00 horas).
O custe do contrato é de 296.904 euros, que sumados aos 750.000 euros que custa a limpeza anual dos centros de ensino en Pontevedra, o custe para o curso 2020/2021 en Pontevedra supera o millón de euros. E con este novo protocolo o servizo increméntase nun 40%.
Raimundo González destacou que o Concello de Pontevedra asume ese gasto "por responsabilidade e por respaldo á educación pública" pero lembrou que se trata de "unha competencia impropia" polo que se reclamará á Xunta o pago deste sobrecusto.