Pontevedra, contra o trasvase do Verdugo pola ausencia de estudos "serios"

Pontevedra
05 de decembro 2017

O portavoz municipal, Raimundo González, lamentou que a Xunta de Galicia estea "tomando á  lixeira" un asunto tan importante. Un trasvase como o exposto para o río Verdugo require estudos "serios" tanto desde o punto de vista técnico como ambiental, algo do que carece a medida anunciada polo goberno galego

Raimundo González, portavoz do goberno municipal de Pontevedra
Raimundo González, portavoz do goberno municipal de Pontevedra / Mónica Patxot

O trasvase de auga do Verdugo atopouse cun novo rexeitamento, o do Concello de Pontevedra. O goberno municipal, que non se pronunciou ata o momento, súmase ás voces críticas con esta decisión de Augas de Galicia para abastecer o encoro de Eiras, do que se fornecen tanto Vigo como os municipios da súa área metropolitana.

O portavoz municipal, Raimundo González, lamentou que a Xunta de Galicia estea "tomando á lixeira" un asunto tan importante. Un trasvase como o exposto para o río Verdugo require estudos "serios" tanto desde o punto de vista técnico como ambiental, algo do que carece a medida anunciada polo goberno galego.

A redución do caudal do Verdugo, por efecto deste hipotético trasvase, afectaría "gravemente", lembrou González, á desembocadura do río e aos bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo. Os "centos de veciños" de Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa que viven desta actividade, engadiu, están " moi preocupados" ante esta operación.

O Concello entende que, antes de realizar unha obra deste calado, débese realizar un estudo "ambiental e científico" sobre os efectos que tería, entre outras cuestións, a redución do caudal ecolóxico do río.

Ademais, o edil do BNG lembra que esta obra, en todo caso, non estaría realizada ata "marzo ou abril", unha época na que xa non haberá a seca actual e pódense estudar outro tipo de medidas para evitar que se repita unha situación como a que se vive hoxe en día.

Así, Raimundo González instou a Augas de Galicia a impulsar un plan contra as perdas que se rexistran nos sistemas de abastecemento. No caso concreto do encoro de Eiras, asegura, pérdese unha 30% da auga polas fugas existentes. "Se se arranxa o encoro resolveríase o problema", sinalou.

As redes dos concellos aos que fornece este encoro tamén son "un auténtico coladero", segundo o responsable do ciclo de auga en Pontevedra, ao rexistrarse perdas de entre o 40 e a 50% da auga que circula polas súas respectivas canalizacións.

Por iso, Pontevedra entende que se se corrixen estas deficiencias "hai auga máis que suficiente".

Arquivado en