O espírito das Festas da Peregrina contaxia día tras día á cidade de Pontevedra, que puido gozar este domingo do segundo día festivo con actividades durante toda a xornada.
Desde as 12:00 horas, a charanga de música tradicional Pousos na Area encheu de música a avenida de Vigo para deleite de todos os viandantes e veciños, dando paso, media hora despois, foi a quenda ao grupo Fervellos do Pío, que percorreu o centro da cidade tocando temas coñecidos.
Ás 13:00 chegaba o momento da festa escénica co teatro de rúa protagonizado por uns insectos que asombraron a todos, pero sobre todo aos máis pequenos. A esa mesma hora, a charanga OT pasou pola zona vella de Pontevedra, enchendo de alegría cada recuncho que atraverason.
Á tarde a programación contaba de novo coa charanga OT, esta vez no barrio da Parda mentres que a charanga Mil9 tiña o encargo de amenizar o centro da cidade para, de novo, dar paso aos Insectos, reaparecendo polas prazas e rúas da Boa Vila.
Propostas para todos os gustos e idades que se completarán cos concertos de Gustavo Almeida na Ferrería (21.00 horas), Los Brincos na Praza de España (22.00 horas) e Rodrigo Cuevas en Campolongo (22.30 horas).
O luns será a quenda de Xisco Feijóo na Ferrería (21.00 horas), Pol Granch na Praza de España (22.00 horas) e Dani & Kimberley Tell en Campolongo (22.30 horas).
Todos eles serán de acceso gratuíto ata completar aforo cumprindo os protocolos de prevención contra a covid.