Nos últimos catro anos duplicáronse en Pontevedra o número de fogares nos que todos os seus membros en idade de traballar están no paro.Son xa 3.281 segundo os datos que recolle a Enquisa de Poboación Activa (EPA) para o concello de Pontevedra.
No mesmo trimestre de 2009 eran 1.669 fogares nesta situación, pero "o máis preocupante son as 885 vivendas que non teñen ingresos", segundo defende UGT.
Os datos descrifrados polo sindicato reflicten que dende a entrada en vigor da reforma laboral, en febreiro de 2012, Pontevedra conta con 5.500 persoas ocupadas menos, un auténtico "xarro de auga fría" para o mercado de traballo no municipio, asegura Ramón Vidal.
A recente EPA reflicte ademais un desemprego de 10.800 persoas na cidade de Lérez, o que supón un incremento interanual do 27,1%.
O secretario comarcal de UGT Pontevedra-Arousa avoga pola intervención, canto antes, das administracións "para evitar que a xente entre na temida exclusión social".
PLANS DE EMPREGO DAS ADMINISTRACIÿNS
Na súa comparecencia, os responsables comarcais do sindicato solicitaron ademais un endurecemento dos requisitos nos plans de emprego que promoven nas últimas datas administracións como a Deputación ou o Concello de Pontevedra.
Segundo Ramón Vidal, é necesario mellorar as bases destas convocatoria para evitar "que determinadas empresas o utilicen para despedir", unha situación que "está a pasar na actualidade".