Pontevedra conmemora o seu Día da Memoria Histórica e berra: nunca máis outro 12 de novembro

Pontevedra
13 de novembro 2018

A cidade volveu render homenaxe aos dez fusilados o 12 de novembro de 1936 e a todas as vítimas do Franquismo e do fascismo e berrou: "Nunca máis o terror, o odio, o fanatismo fascista e franquista. Nunca máis o silencio e o esquecemento. Nunca máis a mentira, a ocultación e a censura"

Homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936 e ás vítimas do fascismo
Homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936 e ás vítimas do fascismo / Mónica Patxot

"Nunca máis o terror, o odio, o fanatismo fascista e franquista. Nunca máis o silencio e o esquecemento, que tamén son unha forma de matar. Nunca máis a mentira, a ocultación e a censura, que tamén son unha forma ruín e cobarde de borrar da historia".

Con este berro tan cargado de simbolismo e forza en Galicia, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo este luns render homenaxe ás dez persoas asasinadas no monte da Caeira hai 82 anos, o 12 de novembro de 1936, e a todas as vítimas do Franquismo e do fascismo. 

O berro realizouno Lores na rúa Doce de Novembro, ao pé do monolito en homenaxe aos dez fusilados, con motivo da homenaxe que o Concello leva organizando desde a chegada do BNG ao goberno local no ano 1999. É unha data que xa está instaurada de facto como o Día da Memoria Histórica en Pontevedra e o alcalde quixo definila como "unha data de orgullo, de dignidade colectiva" para honrar a "vida chea de luz e de grandeza" dos dez pontevedreses aos que lle arrebataron a vida polas súas ideas. 

Ao pé do monumento que lembra ás vítimas do fascismo volveron soar os nomes de todos eles: José Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Telmo Bernárdez Santomé, Amancio Caamaño Cimadevila, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carvajal, Luís Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón e Juan Rico González. E con eles foron honradas tamén as súas familias, que foron perseguidas, e, en especial, as súas mulleres, que quedaron para lembrar e para loitar contra a exclusión, contra o medo e contra o esquecemento. 

A homenaxe contou con políticos de todos os partidos con representación na Corporación de Pontevedra e tivo un especial recordo este ano para Gonzalo Adrio Barreiro, avogado e concelleiro do PSOE falecido o pasado 1 de xaneiro aos 98 anos. Del destacou Lores a súa faceta como compañeiro de corporación, como militante socialista, como avogado humilde e comprometido coas causas xustas e, sobre todo, coa causa das vítimas do franquismo.

Gonzalo Adrio estivo especialmente implicado coa loita das familias das vítimas do franquismo para conseguir unha mínima reparación por todo a dor e o dano sufrido e así o trasladaron este luns varias desas familias e a propia familia de Chalo, na boca da súa filla Marica Adrio. Falaron tamén Enriqueta Otero Molas e María Lores e por parte dos organizadores destacouse que o falecido foi un dos principais impulsores da celebración do 12-N, do nome da rúa na que se celebra e do monumento que ás vítimas do fascismo.  

O acto rematou, como xa é habitual, cunha ofrenda floral no monumento ás vítimas e contou cunha actuación musical e coa presenza de varias ducias de persoas.