A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi), xunto coa Irmandade de Doantes de Sangue de Vigo, conmemoran este 29 de marzo o Día Nacional de Transplantes a través dunha campaña especial na Praza da Ferrería en Pontevedra.
Nesta zona situaron unha unidade móbil onde os cidadáns poden doar sangue entre as 09:30 ata as 14:30 horas e de 15:30 ata as 21:00 horas. Ademais no horario de mañá instalouse unha mesa informativa.
Nela participou Celso García, presidente de Adrovi, quen afirma que "nós dedicámonos a concienciar á xente para que se faga a tarxeta de doante". Tamén explica que a tarxeta é simbólica e realízase para a contorna familiar, para que eles saiban que o parente quería doar. Afirma que "quen ten a última palabra é a familia", os coordinadores de transplantes sempre piden á familia os órganos do falecido.
Unha ferramenta que colleu forza nos últimos tempos é o uso das redes sociais para difundir a necesidade de doar, como pode ser o coñecido caso de Pablo Ráez. Celso García admite que toda difusión é unha contribución pero a mellor maneira de axudar "é insistir cada día, cada semana, cada mes... estar sempre encima".
Esta campaña non só ten como obxectivo conmemorar o Día nacional do Transplante, tamén pretende mostrar o recoñecemento social de todas as persoas que doaron órganos e aos profesionais que fan posibles as intervencións que salvan e alongan tantas vidas. Estas circunstancias provocan que España sexa un referente a nivel mundial no ámbito de transplantes. No caso de Galicia, os hospitais do Servizo Galego de Saúde realizaron, durante o ano pasado, 299 transplantes de órganos.
O maior número de tarxetas de doazón emitidas na provincia de Pontevedra foi en 2016 con 496 das 11.657 que se levan rexistradas historicamente.
47 persoas foron intervidas na zona de Pontevedra-O Salnés durante el último año, segundo os datos da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue-ADOS. Os casos máis numerosos son as doazóns de ril, que chegaron ata os 23 transplantes e os de fígado a 15. Os máis minoritarios, pola contra, son os de corazón e pulmón con 6 e 3 transplantes respectivamente.
Nesta campaña, os organizadores decidiron realizar sorteos entre as persoas que doaron coa intención de estimular este hábito solidario.