Autónomos e 'micropemes' poderán optar á liña de subvencións que concederá o Concello de Pontevedra a todos aqueles emprendedores que, como mínimo, pechasen os seus negocios durante dúas semanas pola crise da pandemia da COVID-19.
Así o avanzaron este luns o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, que sinalaron que se destinará a estas axudas unha partida de 1.250.000 euros. Cada beneficiario poderá optar a un máximo de 5.000 euros.
"Queremos apoiar aos que se arriscan a continuar a súa actividade económica e que teñan plantexamentos serios e de futuro", sinalou Fernández Lores, de forma que, segundo engadiu Tino Fernández, "se sintan apoiados polo Concello neste trance complicado".
A estas axudas non poderán optar grandes cadeas ou negocios con máis de cinco empregados, xa que segundo ambos os dous dirixentes, estas poden acceder a subvencións doutras administracións. Con este programa, explicaron, búscase "complementar" a acción do Estado ou a Xunta.
Os autónomos e 'micropemes' que queiran optar a estas axudas han de ter, en todo caso, servizo de atención ao público e estar radicados no termo municipal de Pontevedra.
As subvencións están vinculadas á presentación por parte dos interesados de proxectos para a modernización e a dixitalización dos seus negocios, a mellora da accesibilidade, renovacións estéticas ou actuacións de eficiencia enerxética, entre outros.
Cada proxecto non poderá exceder dos 12.000 euros e o Concello, como máximo, concederá o 70% do custo total da actuación presentada, ata 5.000 euros. Poderanse financiar obras realizadas entre o 14 de marzo -inicio do estado de alarma- e o 31 de decembro.
"Vai a ser un proxecto potente", garantiu o alcalde, que explicou que o goberno municipal iniciou xa a súa tramitación administrativa e, unha vez publicadas as bases, os que queiran solicitar esta axuda poderán presentar as súas solicitudes. De haber moitas propostas, o Concello valoraría a posibilidade de abrir unha "segunda quenda" de axudas.
A intención é aprobalas "canto antes" e que antes de final de ano a maior parte das peticións presentadas estean valoradas "e mesmo pagadas", explicaron os dous dirixentes.
O tenente de alcalde engadiu que esta non é unha "ocorrencia" nin unha medida "illada" do goberno municipal, senón que forma parte do paquerte de iniciativas adoptadas "con sentidiño" polo Concello desde que comezou a pandemia do coronavirus.
Estas subvencións, subliñou o edil socialista, permitirán axudar a un sector "fundamental" para como é o comercio local, sen o cal "non se podería entender esta cidade". O goberno municipal, insistiu Tino Fernández, "estará aí para botarlles unha man sempre que lles faga falta".
O alcalde de Pontevedra defendeu que, unha vez que terminou o estado de alarma e "coñecemos como queda a situación económica global", o Concello pode aprobar iniciativas como esta, xa que "agora sabemos que vamos a dispoñer de cartos", ao garantirse que se van a manter os ingresos procedentes doutras administracións.
Ata o de agora, segundo Fernández Lores, "fixemos o que tiñamos que facer" para atender a necesidades "básicas" das persoas que "o necesitaban", coordinar a seguridade cidadá e manter servizos "esenciais" como a limpeza, o saneamento ou a recollida de lixo.
Ademais, o alcalde lembrou que Pontevedra "foi un dous primeiros concellos" en adiar o pago de todas as súas taxas e impostos e destacou o traballo " sen descanso" realizado para reactivar a cidade, entre outras medidas, axilizando o pago a provedores, impulsando obra pública ou asesorando a empresas e autónomos a través da plataforma Pontelovers.