Pontevedra compartirá palestra con Málaga e Noaín (Navarra) no cume mundial do clima

Pontevedra
29 de novembro 2019

A organización do cume mundial do clima que se celebrará en Madrid entre os días 2 e 13 de decembro detallou este xoves como será o evento no que participará como relator o Concello de Pontevedra, única cidade galega en ser convidada a esta cita de traballo da comunidade internacional contra a emerxencia climática

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra / Mónica Patxot

A organización do cume mundial do clima que se celebrará en Madrid entre os días 2 e 13 de decembro detallou este xoves como será o evento no que participará como relator o Concello de Pontevedra, única cidade galega en ser convidada a esta cita de traballo da comunidade internacional contra a emerxencia climática.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, será a persoa que explique o modelo urbano de Pontevedra dentro dunha xornada que, baixo a denominación de "Axenda urbana e cambio climático", desenvolverase no Palacio de Zurbano o 4 de decembro.

A participación de Fernández Lores enmárcase dentro dunha mesa redonda que analizará, segundo a organización, "experiencias inspiradoras" en materia de urbanismo e clima

Pontevedra compartirá faladoiro, entre outros, cos responsables dos plans polo clima deseñados na cidade de Málaga e Noaín (Navarra) ou co subdirector xeral de Biodiversidade e Medio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O alcalde, antes do debate, terá quince minutos para detallar, entre outras cuestións, como foi a transformación urbana de Pontevedra e cales foron os logros ambientais que converteron á Boa Vila nunha referencia internacional.

A xornada incluirá outra mesa redonda na que se analizará o papel das cidades na prevención e redución de impactos e na mellora da resiliencia, que contará con diversos expertos en urbanismo, saúde das cidades e comunicación.

Esta é a segunda vez que Pontevedra é convidada a participar no cume mundial do clima, despois de participar a finais de 2015 na cita celebrada en París.