Pontevedra, coas familias do Villa de Pitanxo: "Non hai obstáculos para descender ao barco"

Pontevedra
21 de abril 2022

A reclamación dos familiares dos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, para que se retomen as tarefas para localizar o barco e obter imaxes sobre o seu estado, ecoou este xoves no pleno da corporación municipal de Pontevedra. Fíxoo a través da declaración institucional que apoiaron de maneira unánime os edís pontevedreses

Familiares do Villa de Pitanxo, co alcalde de Pontevedra, no pleno municipal
Familiares do Villa de Pitanxo, co alcalde de Pontevedra, no pleno municipal

A reclamación dos familiares dos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, para que se retomen as tarefas para localizar o barco e obter imaxes sobre o seu estado, ecoou este xoves no pleno da corporación municipal de Pontevedra. 

Fíxoo a través da declaración institucional que apoiaron de maneira unánime os edís pontevedreses. BNG, PP, PSdeG-PSOE e o edil non adscrito, Goyo Revenga, non dubidaron en deixar ao carón as súas diferenzas e apoiar esta reivindicación.

No texto aprobado, a corporación fai constar o seu desacordo coa decisión do Goberno de non descender ata o pecio afundido. Insta a España e Canadá a coordinar esforzos para impulsar unha operación de traballo subacuático que permita localizar o buque.

Documentar mediante vídeos e imaxes o seu estado e recoñecer o terreo no que se atopa o barco, engaden os concelleiros de Pontevedra, podería servir para verificar se están alí os corpos dos doce tripulantes que permanecen desaparecidos.

"O argumento de non atopar os corpos ou a imposibilidade de acceder ao interior da nave non é obstáculo para descender ata o barco afundido e poder obter imaxes da situación e circunstancias nas que se atopa", continúa a declaración institucional.

Ante a existencia de indicios de homicidio imprudente no naufraxio, segundo a Fiscalía, o visionado do barco "presentaría datos para o bo discorrer da investigación e, por tanto, para o esclarecemento da verdade", sinalan os concelleiros de Pontevedra.

Unha representación das familias encabezada por María José de Pazo, filla de Francisco de Pazo, o xefe de máquinas do Villa de Pitanxo, acudiu a esta sesión plenaria. Sinalaron que esperan que outros municipios se vaian sumando a esta iniciativa.

A portavoz dos familiares denunciou que "é lamentable" que o Goberno siga negándose a enviar medios para baixar ata o punto no que se atopa o barco "e ver como está", algo que consideran unha "proba fundamental" para a investigación".

"Séguense escudando en que ninguén pode asegurar o éxito de recuperación de corpos", asegurou De Pazo, que aclarou que "nós nunca pedimos iso", porque entenden que "o primordial" é tomar imaxes do pecio afundido.

Lamentan que os informes técnicos que avalan a decisión do Goberno "non os asina ninguén" e reiteran que "hai medios e barcos" que irán a Terranova entre xuño e agosto, entre eles os do Instituto Español de Oceanografía "polo que non sabemos por que se seguen negando".

Ante esta situación, María José de Pazo advirte que "non imos parar" e adianta que haberá máis mobilizacións porque "non nos imos a esquecer dos nosos nin deixar de pedir que se baixe ao barco".