Pontevedra chama a "deconstruír tanta masculinidade tóxica" e a non poñer escusas ante a desigualdade

Pontevedra
21 de novembro 2022

Catro días antes da declaración do 25N, o día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, Pontevedra reclamou unha maior implicación dos homes na loita feminista porque "xa está ben de cargar soas coa mochila" da igualdade. Así o reivindicou a xornalista e escritora Montse Fajardo

Montse Fajardo le o manifesto institucional de Pontevedra polo 25N
Montse Fajardo le o manifesto institucional de Pontevedra polo 25N / Mónica Patxot

Catro días antes da declaración do 25N, o día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, Pontevedra reclamou unha maior implicación dos homes na loita feminista porque "xa está ben de cargar soas coa mochila" da igualdade.

Así o reivindicou a xornalista e escritora Montse Fajardo, que este luns deu lectura ao manifesto institucional que pactou a corporación municipal sobre a violencia machista

Fíxoo, seguindo coa temática da campaña que Pontevedra activou este ano, lembrando que son os homes que os verdadeiramente "teñen nas súas mans rematar coa violencia machista" e pedindo que os focos "deixen de apuntarnos a nós".

Aos homes "que a exercen, aos que a alentan co seu discurso negacionista, aos que a desculpan ou aos que miran cara a outro lado", segundo Fajardo, pero tamén aos que apoian a loita feminista porque "nas vosas mans e no voso exemplo" reside un modelo distinto de masculinidade.

Ante un aumento do número de mozos que negan ou restan importancia á violencia machista, a xornalista sinalou que "é hora de que todos vos involucredes masivamente na loita feminista", en lugar de colocarse como vítimas dos avances desta loita.

"Deixade de rirlles os chistes aos machistas que vos rodean. Deixade de poñer escusas e de aturar tanta desigualdade porque ese é o cerne que alimenta a quen nos xulga, a quen nos menospreza, a quen nos forza, a quen nos agride", sostivo Montse Fajardo.

A todos os homes, Fajardo pediu revisar o seu comportamento "con obxectividade" e avanzar no camiño para "deconstruír tanta masculinidade tóxica" e que cada un deles "se poña as pilas" na súa contorna máis próxima para combater o patriarcado.

Ante os membros do pleno, a autora do manifesto destacou que, fronte aos que negan a violencia machista, os homes deben ser "aliados do noso feminismo", ao entender que "nos xogamos a vida niso" e ese é o futuro que demandan as novas xeracións.

Arquivado en