O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda informou que o Concello de Pontevedra xa empezou a tramitar o expediente para ceder á Xunta de Galicia tres parcelas do municipio nas que construír vivenda protexida.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) interesouse polos terreos deValdecorvos, Tafisa e A Parda, nos que poden construír unhas 125 vivendas.
A parcela de Tafisa ten unha superficie en pendente de 1.164 metros cadrados cunha edificabilidade de 5.846 metros cadrados de vivenda residencial e 1.746 de superficie comercial. Estímase que se poderían construír un edificio de baixo e cinco pisos máis aproveitamento baixo cuberta.
En Valdecorvos ofértase un terreo de 3.220 metros cadrados de superficie cunha edificabilidade de 6.924 metros cadrados, no que se podería construír unhas 54 vivendas con edificabilidade de baixo e seis alturas.
E no solar da rúa das Devesas, na zona da Parda, proponse unha superficie de case 539 metros cadrados de superficie nos que se poderían levantar entre 12 e 13 vivendas en bloques de baixo e tres alturas máis baixo cuberta.
A comisión municipal de urbanismo acordou enviar á Xunta os certificados sobre as condicións dos terreos, os do rexistro da propiedade e outro tipo de información técnica de cada unha das parcelas.
Pola súa banda, o Concello de Pontevedra reclamará ao IGVS a cesión de 18.500 metros cadrados de terreo situados na zona do Miradoiro de Monte Porreiro. Ao non ser desenvolvidos para a construción de vivenda o obxectivo da administración local é incorporalos como zonas verdes.