Para Joan Clos, quen fora alcalde de Barcelona entre os anos 1997 e 2006, Pontevedra é un "claro exemplo" de éxito na xestión urbana. Así o asegurou na súa intervención na sesión inaugural do congreso da Rede Estatal de Cidades Educadoras, que se celebra en Lleida. Alí, apelou á "valentía" dos gobernantes para emprender transformacións coma a da Boa Vila.
No congreso participou a concelleira de Educación, Carmen Fouces, que tomou a palabra para animar ás cidades presentes a actuar de cara a recuperación do espazo público para as persoas, "base principal para unha auténtica cidade educadora".
A intervención de Fouces baseouse en que o cambio real das cidades debe partir da propia "columna vertebral" da política municipal, conectando esa filosofía de cambio de xeito horizontal con todos os departamentos e servizos.
Ao respecto, Joan Clos manifestou que "sabendo xestionar os cambios", os procesos de mellora das cidades poden ser un éxito.
Así, puxo o exemplo de Pontevedra ou da mesma Barcelona que, con el na Alcaldía, decidiu peonalizar a rúa Condal. "Os comerciantes e algúns veciños víñanse a nós de xeito moi ruidoso e incluso violento, pero poucos anos despois esas mesmas persoas presumían fachendosas da nova imaxe do barrio sen coches", explicou.
Carmen Fouces entregou a Joan Clos un exemplar da publicación pontevedresa "Menos coches, máis cidade", na que se recollen datos da experiencia de cambio da cidade.
Agradeceulle ademais a participación neste foro para axudar a aumentar a calidade urbana e a converter rúas e prazas en espazos de convivencia tal como recolle a Carta das Cidades Educadoras que preside a filosofía urbana desta entidade.