Pontevedra celebra o Día da Lingua de Signos

Pontevedra
14 de xuño 2019

Por unha banda a sede da Deputación acolleu a segunda edición do Concurso "Xoga coas manciñas" e por outra a Delegación territorial da Xunta en Campolongo acolleu o acto da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG)

Concurso "Xoga coas manciñas"
Concurso "Xoga coas manciñas" / Deputación de Pontevedra

Pontevedra celebrou o Día da Lingua de Signos con dous eventos.

Por unha banda, a sede da Deputación acolleu a segunda edición do concurso "Xoga coas manciñas", que promove o coñecemento e uso da lingua de signos entre os escolares e que organiza Xoga, a Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia.

Nun acto festivo e cargado de emoción os cativos, encheron o salón de actos do Pazo Provincial e recibiron os agasallos con música e moita comunicación visual a través das mans.

A presidenta provincial, Carmela Silva, foi a anfitriona desta cita, que serviu de colofón dunha semana na que Xoga promoveu distintas actividades para visibilizar e dar a coñecer a lingua de signos na sociedade. O acto contou coa representación do espectáculo "Matrioskas" da compañía Charlatana, a cargo da contadora Marta Ortiz e a cantautora Sofía Espiñeira.

Por outra banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, participou na conmemoración deste Día no acto organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), na delegación territorial da Xunta en Campolongo.