Pontevedra calma a súa sede de cine

Pontevedra
21 de decembro 2013

"Era un poco penoso que Pontevedra no tuviese cine", pero, despois de seis meses sen proxeccións, este sábado volveron verse películas en pantalla grande na cidade. Os espectadores empezaron a facer cola dende media hora antes da primeira sesión, pero sen aglomeracións. A máis demandada da xornada foi El Hobbit: a desolación de Smaug, que podía verse tanto en HD coma en 3D

Espectadores nos cines de Vialia no primeiro día de apertura de Cinexpo, do grupo Galicine
Espectadores nos cines de Vialia no primeiro día de apertura de Cinexpo, do grupo Galicine / Diego Torrado

Free Birds, Futbolín e Lluvia de Albóndigas 2. Foron as tres primeiras películas das que puideron gozar os que en Pontevedra tiñan sede despois de seis meses sen proxeccións nas salas de Vialia. Inauguraron as recén reformadas instalacións ás 16.30 horas deste sábado e dende media hora antes xa podían verse no despacho os primeiros afeccionados desexosos de conseguir a súa entrada. Non obstante, non foron as triunfadoras da xornada. El Hobbit: la desolación de Smaug foi o título máis reclamado da carteleira.

A primeira proxección de El Hobbit era ás 17.30 horas (ás 19.00 horas para quen quixera vela en 3D), pero as súas entradas vendéronse xa dende que abriron a billeteira. Andrés, Pedro e Rubén, tres amigos de 17 anos de Pontevedra e Moraña foron dos primeiros en adquirir un tícket, aínda que pasaron máis desapercibidos que outro grupo de 12 adolescentes pontevedreses que chegaron dispostos a estrear a sala e chamaron a atención de todos os presentes.

As colas víronse dende a apertura das instalacións, pero sen aglomeracións, polo menos nas primeiras horas. Os pontevedreses estaban desexosos de ver como eran os novos cines e, sobre todo, poder ver unha película en pantalla grande na súa cidade, pero sen présas, cun goteo de espectadores ao longo de toda a tarde.

Andrés, Pedro e Rubén chegaban con moitas ganas porque se definen como "muy cinéfilos" e antes de que pechasen as antigas instalacións de Cinebox "veníamos dos o tres veces al mes". Dende o peche, e antes de que Galicine volvese abrir a porta este sábado, tiñan moi difícil ver cine. "Fuimos una vez a Vigo, pero es un rollo, hay que coger el tren y luego ir hasta allí", relatan, contentos de por fin volver retomar o seu costume de ir o fin de semana a Vialia, pois "era un poco penoso que Pontevedra no tuviese cine".

Benito, un mozo pontevedrés de 32 anos, tiña tanta sede de cine que acudiu ás 16.15 horas a comprar entradas para ver El Hobbit. Traballa os sábados pola tarde, pero escapouse uns minutos para poder reservarse un asento para a sesión das 00.00 horas. Antes de que pechasen os cines en xuño adoitaba ir cada sábado e dende entón non puidera desprazarse a algunha das cidades próximas nas que aínda habia salas abertas como Vigo ou Vilagarcía, de modo que en canto tivo noticias de que reabrían a súa reacción foi de euforia: "Ya era hora, ya tenía ganas de venir".

José María, Claudia e Mateo llegaro este sábado dende Marín dispustos a ser dos primeiros espectadores das novas salas. Tamén El Hobbit foi a súa elección e, no seu caso, mostran a súa satisfacción con que "el precio sigue siendo caro, pero más bajo que el de antes, que ya es bastante", pero, sobre todo, coa reapertura, pois "que una ciudad como Pontevedra no tenga cine es un insulto a la ciudadanía".

As tres películas que inauguraron as instalacións son destinadas ao público infantil e moi cinguidas á demanda que adoita haber en épocas do Nadal. Nestas datas van ao cine espectadores pouco frecuentes como Andrea, unha nena de 9 anos que este sábado acudiu co seu pai Manuel a ver Frozen. Non é unha habitual, pero si lle gusta ver algunhas películas e nesta ocasión aproveitaron que a súa irmá e a súa prima se desprazaban a Vigo para ver unha película e, por primeira vez en seis meses, puideron facer o mesmo plan na súa cidade.

Poder ir ao cine sen ter que coller o coche é un dos factores máis positivos para Carlos e Elvira. Esta parella de pontevedreses adoitaba acudir unha vez ao mes ao cine antes de que as instalacións pechasen en xuño e, dende entón, non se desprazaran a outra cidade para poder gozar deste plan de ocio. O prezo é o principal motivo, pois "el cine ya es caro y si encima te tienes que desplazar...". Por iso valoran tamén que a nova concesionaria do servizo puxese en marcha unha política de descontos que permite ver cine dende 5 euros de luns a xoves e, a maiores, beneficiarse dos descontos e premios da tarxeta 'Fidelize'. Este sábado xa se informaron de como utilizala.

Sobran las palabras, Tres bodas de más, El Hobbit: la desolación de Smaug, Free Birds, Frozen, Futbolín Lluvia de Albóndigas 2. Sete títulos en oito salas distintas quedarán xa no recordo dos que inauguraron este sábado os novos cines de Cinexpo, do grupo Galicine.

Arquivado en