Pontevedra blíndase ao tráfico peonil e rodado para organizar a primeira gran competición deportiva da pandemia

Pontevedra
19 de agosto 2020

A concelleira de Seguridade Cidadá presenta o plan de mobilidade do Campionato de España de Tríatlon que inclúe o peche perimetral da Avenida de Compostela, restricións de tráfico e aparcamento, así como controis policiais e sanitarios excepcionais

A concelleira Eva Vilaverde e o xefe de Policía Local en funcións, Jesus Cal, presentan o operativo de seguridade do campionato de España de Tríatlon Sprint
A concelleira Eva Vilaverde e o xefe de Policía Local en funcións, Jesus Cal, presentan o operativo de seguridade do campionato de España de Tríatlon Sprint / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra presentou este mércores o plan de seguridade e mobilidade para a celebración do Campionato de España de Tríatlon Sprint que se celebrará os días 22 e 23 de agosto na cidade. Nun detallado documento con mapas pormenorizados do trazado de cada unha das probas, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou as restricións que se impoñerán ao tráfico rodado e peonil, que comezarán desde este mesmo xoves no tramo da Avenida de Buenos Aires que dá acceso a Monte Porreiro, que estará blindada ata o domingo.

O campionato terá o seu centro de operacións na contorna de Tafisa. Alí terá lugar as saídas, transicións e chegadas a meta de cada unha das carreiras. Será, por primeira vez e por razóns de seguridade para evitar aglomeracións de público que poidan provocar contagios por coronavirus, un espazo habilitado unicamente para persoal acreditado: triatletas, técnicos, acompañantes, policías, sanitarios, controladores e fotógrafos. " As acreditacións son as mínimas posibles", remarcou a edila.

Esta limitación de acceso para o público ao momento máis interesante do circuíto ten como obxectivo evitar aglomeracións. Desde a organización recomendan seguir a carreira en directo pola canle de Youtube de LaligaSportsTV. Aínda así, o acceso a espectadores estará permitido nas marxes do resto do trazado. A carreira a nado, na contorna do Ponte dos Tirantes; o tramo en bicicleta estenderase entre a avenida de Compostela, avenida de Buenos Aires e Ponte de Santiago, mentres que a carreira a pé discurrirá pola Avenida de Buenos Aires, Ponte de Santiago, Avenida de Compostela e paseo Rafael Areses.

O tráfico de vehículos por estas zonas irase cortando de forma gradual a partir do xoves e, durante o transcurso da carreira, só se habilitará un carril da Ponte de Santiago para saír da cidade cara a Luís Otero, para continuar logo cara a Juan Bautista Andrade ou Avenida da Coruña. Do mesmo xeito, o tráfico en José Malvar en dirección a Ponte dos Tirantes quedará cortado á altura da rotonda cara á rúa da Seca. Para acceder ou saír do barrio de Monte Porreiro, haberá que facelo a través do Ponte das Palabras ou por Mourente.

Para a mobilidade dos peóns polo circuíto do campionato estarán habilitados doce puntos de cruzamento supervisados polos controladores da organización para evitar interromper a proba ou provocar algún tipo de accidente.

O estacionamento tamén se verá restrinxido a partir do xoves. Na avenida de Compostela estará prohibido aparcar desde as 15 horas do xoves. Na rúa Rafael Areses, as restricións empezarán ás 5 horas do 21 de agosto, mentres que no recinto feiral, rúa Alexandre Bóveda, Avenida de Compostela, campus universitario e rúa Luís Otero será a partir das 22 horas do 21 de agosto.

Aínda que o Concello de Pontevedra ten experiencia na organización deste tipo de probas, as actuais circunstancias sanitarias obrigaron a redobrar esforzos para garantir a saúde de todos os involucrados na competición. Para iso, a Fetri dispón dun estrito protocolo de seguridade aprobado polo CSD e Sanidade.

Mobilizarase un gran número de axentes da Policía Local e efectivos de Bombeiros, Protección Civil e controladores da organización para velar polo cumprimento das normas e as restricións de acceso. Na sede blindada instalarase un hospital de campaña e haberá controis faciais e de temperatura no único acceso habilitado. Tampouco coincidirán neste lugar máis de 300 deportistas por xornada e a súa entrada ao recinto será graduada para evitar contactos innecesarios.

O servizo de limpeza realizará a correspondente desinfección do circuíto antes de cada xornada e no río haberá dúas embarcacións con socorristas da Federación e dos bombeiros.

"Demostraremos que se poden facer probas deportivas de alto nivel con todas as medidas de seguridade", afirmou Vilaverde agradecendo a colaboración da cidadanía para facilitar a celebración deste tipo de campionatos.