Pontevedra baixará a bandeira da UE pola postura europea sobre os refuxiados

Pontevedra
14 de marzo 2016

A postura da Unión Europea sobre os refuxiados atenta, segundo denunciou o BNG, contra a legalidade internacional e os dereitos humanos. Por iso, o Concello de Pontevedra arriará este martes a bandeira europea da Casa Consistorial

Sede institucional do Concello de Pontevedra na Praza de España
Sede institucional do Concello de Pontevedra na Praza de España / PontevedraViva

A postura da Unión Europea sobre os refuxiados atenta, segundo denunciou o BNG, contra a legalidade internacional e os dereitos humanos. Por iso, o Concello de Pontevedra arriará este martes a bandeira europea da Casa Consistorial.

Farao como sinal de protesta ante unha decisión política "inhumana e lesiva" e que viola os dereitos humanos fundamentais.

Será, en todo caso, unha retirada polémica. Os primeiros en manifestar a súa oposición a esta medida foi o grupo municipal do PSdeG-PSOE.

Nun comunicado de prensa, que asina o seu portavoz Agustín Fernández, os socialistas acusan o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de estar a protagonizar unha "clara deriva" cara a un nacionalismo "rancio e eurófobo".

"O que fará mañá Lores é tan estúpido como arriar a bandeira galega cada vez que non esteamos de acordo con algunha medida posta en marcha pola Xunta ou polo Parlamento galego", sinala Agustín Fernández.

Aseguran que unha decisión deste calado debería ser tratada entre todos os partidos da corporación e explica que é "sorprendente" que esta postura proceda de alguén cuxos servizos sociais municipais están "totalmente privatizados e faltos de diñeiro e persoal", o que lles fan ser "insuficientes" para unha cidade como Pontevedra.

Independentemente da postura que teña ao redor dos refuxiados por parte da UE, sobre a que Fernández lembra que o PSOE se ha situado "claramente en contra", os socialistas destacan a importancia de Europa para os cidadáns de Pontevedra "non só como gran proxecto de progreso e de paz no continente, senón na súa vida máis inmediata e diaria" grazas aos programas postos en marcha polo goberno comunitario.

Arquivado en