Pontevedra baixa dos 6.000 desempregados por primeira vez desde setembro

Pontevedra
02 de marzo 2021

Por segundo mes consecutivo as cifras do paro son, dentro do que cabe, benévolas coa cidade de Pontevedra. Febreiro rexistrou un novo descenso no número de desempregados que, por primeira vez desde setembro de 2020, volven ser menos de 6.000 persoas

Unha persoa traballando
Unha persoa traballando / Ministerio de Trabajo

Por segundo mes consecutivo as cifras do paro son, dentro do que cabe, benévolas coa cidade de Pontevedra. Febreiro rexistrou un novo descenso no número de desempregados que, por primeira vez desde setembro de 2020, volven ser menos de 6.000 persoas.

En concreto, Pontevedra contaba ao 28 de febreiro cun total de 5.952 demandantes de emprego. Son 70 menos, un 1,16%, dos que había o mes anterior. 

Con respecto á evolución interanual, tremendamente marcada pola covid-19, a capital da provincia está aínda lonxe dos niveis previos á pandemia. Hai un ano, en febreiro de 2020, había 5.591 pontevedreses en paro. É dicir, un 6,06% menos (361 persoas).

Os datos que publicou este martes a Consellería de Economía, Empresa e Innovación revelan que o descenso do desemprego en febreiro está sustentado basicamente pola caída en dous sectores, a construción e o colectivo sen emprego anterior.

No primeiro hai 457 parados (22 menos), mentres que no segundo hai 454 (26 menos). No sector servizos, pola súa banda, buscan emprego 4.354 persoas (seis menos), na agricultura fano 140 (seis menos) e na industria, 547 (dez menos).

A tendencia ao descenso no número de parados que deixa o mes de febreiro repítese en gran parte dos municipios da área de influencia de Pontevedra. Máis acusado, segundo os servizos públicos de emprego, en Cerdedo-Cotobade, Poio, Ponte Caldelas e Marín.

Con todo, O Salnés rexistra unha evolución contraria. Nun único municipio, o de Meis, a evolución do desemprego é positiva. No resto aumenta o número de demandantes de emprego, co Grove, A Illa de Arousa e Cambados á cabeza.

DATOS EN GALICIA

En Galicia, segundo os datos achegados polo Ministerio de Traballo, o desemprego baixou en 756 persoas. É unha das tres comunidades españolas nas que se produciu un descenso. Desta forma, o total de parados sitúase en 185.228.

Son, en todo caso, 18.999 máis que en febreiro de 2020, o cal representa un aumento interanual do 11,43%.

Arquivado en