Ata os 4.944 desempregados caeron os índices do paro na cidade de Pontevedra, segundo os datos que publicou este xoves a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade. Son 79 menos dos que en abril estaban rexistrados nas oficinas públicas de emprego.
O descenso é máis pronunciado se se compara cos datos que había en maio de 2021, mes que pechou en Pontevedra con 5.288 desempregados, 344 máis que na actualidade.
Os case 5.000 parados que hai na cidade repártense entre 2.922 mulleres (59,10%) e os 2.022 homes. Os menores de 25 anos, pola súa banda, son 186.
Por sectores, servizos con 3.666 persoas asume a maior parte da bolsa de desemprego. Séguenlle a industria (417), construción (357) e agricultura (124). Outros 380 pertencen ao colectivo sen emprego anterior.
A baixada do desemprego foi practicamente xeral en todos os municipios da área de influencia, aínda que máis acusada naquelas localidades máis turísticas como Sanxenxo, O Grove ou Poio. Subiu, pola súa banda, en Cerdedo-Cotobade ou Campo Lameiro.
Os datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social revelan que o número de parados rexistrados en Galicia reduciuse en 4.482 durante o mes de maio. É un 2,98% menos que en abril, o que sitúa o total en 146.120 desempregados.
Con respecto aos últimos doce meses, o descenso do paro acumula xa unha caída do 11,61%, que se traduce en 19.186 persoas menos en situación de desemprego.
A provincia de Pontevedra foi a que rexistrou un mellor comportamento en maio, cun descenso do 3,59% sobre abril, é dicir, 2.138 desempregados menos.
Con estas cifras, o número de parados nos 61 concellos pontevedreses suman 57.495 persoas. Hai un ano, en maio de 2021, eran 64.068, un 10,3% máis.
De todos eles, o 58,37% dos parados son mulleres, un total de 33.561; mentres que os 23.934 restantes (41,63%) son homes. Os menores de 25 anos representan 2.217 do total de desempregados, 291 menos que no mes de abril.
O sector servizos, como era de prever ás portas do verán, sustenta gran parte desta caída do paro en maio. 1.566 persoas atoparon traballo. Os descensos en industria (-356), construción (-96) ou no colectivo sen emprego anterior (-120) son máis tímidos. No caso da agricultura non hai variación con respecto ao mes anterior.
En canto á contratación, un 37,01% dos contratos asinados en maio, un total de 27.066, foron de carácter indefinido. Na provincia de Pontevedra, ademais, hai 3.134 afiliados máis á Seguridade Social (364.093 en total) e 1.058 traballadores continúan en ERTE.
MENOS DE 3 MILLÓNS DE PARADOS
Con respecto aos datos nacionais, maio deixou un novo fito. Por primeira vez desde novembro de 2008, ao comezo da crise financeira, o paro rexistrado baixa dos tres millóns. Hai 2.922.000 desempregados en España, tras reducirse en 99.512 persoas no último mes.
En termos anuais, son 858.000 desempregados menos que en maio de 2021.
Ademais, asináronse 730.427 novos contratos indefinidos, a maior cifra da serie histórica, que supoñen o 44,5% de todos os contratos asinados no último mes; e houbo 213.000 novos afiliados á Seguridade Social, o que eleva o número total ata os 20.232.000.