A solidariedade cos afectados pola DANA crece con forza en cada recuncho da provincia para reunir material, produtos de primeira necesidade e donativos.
Desde o pasado venres e ao longo da fin de semana, concellos, empresas, asociacións e entidades de todo tipo están a organizar puntos de recepción.
Por exemplo, a Confitería Capri recadou 8.611,53 euros que irán aos damnificados por esta catástrofe a través da fundación Mensaxeiros da Paz.
Ao longo do domingo os clientes facían cola ante o establecemento conscientes de cal ía ser o destino da recadación. "Estamos muy emocionados. Es una satisfacción enorme", manifestaba a propietaria, Menchu Collado.
O diñeiro obtido supera aos 6.000 euros recadados nunha ocasión anterior para axudar aos afectados polo volcán da Palma.
E no Multiusos da Praza de Abastos, o Concello de Marín organizou este domingo unha recollida que superou as expectativas. "O desborde é total", afirmaban desde o Goberno local, que enviaban "un enorme agradecemento a toda a veciñanza que está a colaborar".
O Concello de Bueu anunciou que habilitará espazos para a recollida de produtos para os afectados pola Dana a partir desta semana.
Tamén recolleron alimentos e materiais esenciais nas instalacións municipais da Reiboa os voluntarios de Protección Civil no Concello de Poio. Enviarán tamén ferramentas e 54 pares de botas de auga.
Dous vehículos de Protección Civil de Cambados partiron esta madrugada cara Valencia, un con alimentos e outros produtos recollidos nestes días, e outro con maquinaria e ferramentas (bombas, xeradores, pas…). Tamén se desprazan 6 voluntarios que permaneceran alí por varios días.
E o Concello de Caldas de Reis abre este luns un novo punto de recollida na Rúa Sarnadela, (Novo Fogar do Maior) en horario de 11.00 a 21.00 horas.
Este luns, ás 12 do mediodía, partirán desde Ponte Caldelas cara a Paiporta dúas furgonetas alugadas e un furgón municipal para entregar material aos damnificados en Valencia. O propio alcalde Andrés Díaz viaxará nun dos vehículos xunto á súa parella.
En Barro, no Centro Cívico Praza do Viño, enchían este domingo dez pallets con produtos de hixiene e auga e outro dez con alimentos non perecedoiros. Ademais un doante particular achegou outro pallet con roupa nova, mantas e botas recén compradas. Tamén achegaron pas, escobas e produtos de limpeza.
Tamén en Barro, neste caso no Polígono, a Panadería Acuña recolle até este mércores alimentos e materiais, do mesmo xeito que fai no seu establecemento de Salcedo.
En Soutomaior, habilitarán partir deste martes 5 de novembro o Multiusos de Arcade para que a poboación poida achegar alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e sanitarios para poder enviar no momento en que o soliciten dende a Generalitat Valenciana ou dende a FEMP. O horario de recollida será de 9:00 a 14:00 horas e o Concello insiste en que, que no caso de que estes produtos non sexan demandados, serán destinados ao Banco de Alimentos ou outras entidades de emerxencia social.
En Pontevedra, hai habilitado un punto de recollida na sede de Afundación. A cantidade de material entregado superou as previsións polo que tiveron que trasladar esta iniciativa do Café Moderno até este edificio máis grande. Recóllese en horario de 8.00 a 20.00 horas. Estas doazóns serán xestionadas en colaboración coa Federación Española de Banco de Alimentos
E o Flipo Park da Rúa Echegaray converteuse este fin de semana nun espazo onde doar axuda.
Como ocorreu en 2022 cando estalou a guerra de Ucraína, a empresa arousá Fundiciones Rey puxo a disposición a súa capacidade loxística para trasladar a axuda que se recolla durante estes días na súa nave do polígono de Rubiáns até o Banco de Alimentos da localidade levantina da Pobla de Farnals.
En Vilagarcía, o Concello aprobou facer dunha doazón de 20.000 euros como axuda aos damnificados pola catástrofe e, de acordo coas recomendacións da Federación Española de Municipios e Provincias, e tendo en conta os problemas actuais de loxística e de distribución que lle trasladan as propias autoridades valencianas á FEMP, fai un chamamento á veciñanza que queira que colaborar para que o faga a través de doazóns económicas.